O PSdeG de Becerreá pide nomear alcaldes honorarios a Rudesindo Fernández Vilor e Gerardo Pardo de Vera

O PSdeG de Becerreá vén de rexistrar dúas iniciativas no Concello para render homenaxe a Rudesindo Fernández Vilor, último alcalde do municipio durante a Segunda República, e a Gerardo Pardo de Vera Díaz, primeiro rexedor elixido tras a ditadura franquista, nas eleccións municipais de 1979. Os socialistas reclaman un acto de reparación para o primeiro, asasinado tras o golpe de Estado de 1936, e un recoñecemento ao labor do segundo para conseguir que Becerreá contase cun instituto de ensino secundario.
No caso de Rudesindo Fernández Vilor, a agrupación solicita que o actual alcalde leve ao pleno a proposta de iniciar o expediente para concederlle o título de alcalde honorario a título póstumo. Tamén pide que se lle dedique unha rúa, praza, parque ou outro espazo público e que se entregue á súa familia o documento acreditativo nun acto institucional aberto á veciñanza.
Fernández Vilor, militante de Izquierda Republicana, foi detido en Becerreá o 5 de setembro de 1936 e posto en liberdade o día 11. Foi asasinado posteriormente cando tentaba fuxir da Falanxe. O PSdeG lembra que, ata o momento, o Concello non lle dedicou ningún espazo público nin organizou un acto de reparación na súa memoria. Con esta proposta pretende restituír simbolicamente a dignidade do cargo que lle foi arrebatado e honrar tamén a memoria das persoas de Becerreá e da comarca dos Ancares que sufriron a represión por defender a democracia.
A segunda iniciativa busca recoñecer a traxectoria de Gerardo Pardo de Vera Díaz, para quen os socialistas solicitan igualmente o título de alcalde honorario e a organización dun acto público de homenaxe. A agrupación destaca o respecto que a súa figura esperta entre veciños de distintas sensibilidades políticas e, especialmente, o seu papel nas xestións que permitiron dotar o municipio dun instituto no que se formaron centos de estudantes de Becerreá e da comarca.
Naquel proceso colaborou o daquela ministro Juan José Rosón, tamén natural de Becerreá e de distinta adscrición política. Segundo recolle a iniciativa socialista, Pardo de Vera perdeu a Alcaldía tras agradecer publicamente a intervención de Rosón. Para o PSdeG, aquel xesto demostrou que o rexedor antepuxo os intereses do municipio e a educación da mocidade á súa propia continuidade no cargo.
"Na véspera do 20N, cómpre lembrar que a ultradereita xa gobernou este país e que fixeron falta décadas para recuperar a liberdade. Temos a obriga de honrar a quen pagou coa vida a defensa dos dereitos dos que hoxe gozamos e de recoñecer o labor de todas as persoas que loitaron por recuperalos", sinalan desde a agrupación socialista.
"Con estas dúas iniciativas, as e os socialistas queremos que Becerreá honre a dous alcaldes que forman parte da nosa historia democrática", conclúen.