O PSdeG de Becerreá propón un dispositivo especial para a eclipse solar total do 12 de agosto

A Agrupación Municipal Socialista de Becerreá vén de rexistrar unha iniciativa no Concello na que solicita ao Goberno local a preparación dun dispositivo especial con motivo da eclipse solar total prevista para o vindeiro 12 de agosto, un fenómeno astronómico que poderá observarse dende o municipio en condicións especialmente favorables.
Dende o PSdeG lembran que Becerreá estará situada dentro da franxa de totalidade do eclipse, o que converte o municipio nun dos puntos de Galicia con mellores condicións para contemplar este acontecemento. Os socialistas destacan ademais o carácter excepcional do fenómeno, subliñando que non volverá producirse outro eclipse destas características ata o ano 2053.
A proposta presentada considera necesario que o Concello se anticipe e planifique unha resposta adecuada para garantir tanto a seguridade das persoas asistentes como o aproveitamento do potencial divulgativo e turístico da cita. Neste sentido, plantexan habilitar un espazo público específico para a observación do eclipse e sinalan A Pena do Pico como un posible emprazamento polas súas condicións de accesibilidade e horizonte despexado.
A iniciativa inclúe tamén a organización de actividades educativas nos días previos ao eclipse, entre elas charlas, obradoiros e pequenas xornadas relacionadas coa astronomía, especialmente dirixidas á infancia, ás familias, á veciñanza e ás persoas interesadas nesta temática.
Ademais, o PSdeG propón impulsar unha campaña de difusión a nivel comarcal e autonómico para promocionar Becerreá como punto de observación do eclipse e favorecer así o denominado turismo científico arredor deste fenómeno astronómico.
Dende a agrupación socialista defenden que se trata dunha proposta “útil, perfectamente asumible e moi positiva para o municipio”, ao permitir combinar seguridade, divulgación e dinamización local. “A nosa vontade é seguir achegando ideas que melloren Becerreá e que permitan aproveitar as oportunidades que se presentan. Este eclipse é unha ocasión excepcional e o noso Concello debe estar á altura”, conclúen.