O PSdeG de Monterroso acusa ao PP de difamación por vincularlles con actos vandálicos no parque empresarial

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso denunciou as “gravísimas insinuacións” realizadas polo goberno local do Partido Popular a través das súas redes sociais, nas que suxire que o PSdeG podería estar detrás dos actos vandálicos rexistrados contra carteis informativos no parque empresarial do municipio.
O voceiro socialista, Rafael García, expresou o seu “enorme malestar e indignación” ante unhas declaracións que cualificou de “intolerables e absolutamente inxustificadas”, advertindo de que constitúen un intento de “difamación” que afecta directamente á súa honorabilidade e á do conxunto da agrupación. Segundo sinalou, “non imos permitir que se semente a dúbida nin que se trate de manchar o nome do PSdeG con acusacións sen ningún tipo de proba. Ata aquí chegamos”.
García sostén que estas manifestacións “traspasan todos os límites” e responden a unha estratexia deliberada para “desviar a atención e crear unha cortina de fume” ante a falta de xestión do executivo local. Neste sentido, subliñou que o PSdeG condena de maneira rotunda calquera acto vandálico, pero advertiu de que tamén resulta irresponsable tratar de vincular a adversarios políticos con feitos desta gravidade sen presentar probas.
O portavoz socialista considerou ademais que estas declaracións pretenden ocultar a situación real do municipio, que ao seu xuízo está marcada pola escaseza de investimentos por parte da Xunta de Galicia. “Falan dos carteis da Xunta cando todos sabemos que son ben poucos os que poden lucir en Monterroso, e ben que os coidan”, ironizou, en referencia á limitada presenza de actuacións financiadas polo Goberno autonómico.
Fronte a esta situación, puxo en valor o papel da Deputación de Lugo, á que atribuíu o financiamento de actuacións en distintos ámbitos no concello, mentres —segundo indicou— a Xunta mantén unha actitude de abandono.
Dende o PSdeG esixen ao goberno local do Partido Popular que retire de inmediato estas afirmacións e que ofreza desculpas públicas. “O PP ten a obriga de aclarar as súas palabras e de deixar de alimentar sospeitas infundadas. Non todo vale para facer política”, afirmou García.
A formación socialista conclúe que non tolerará este tipo de estratexias destinadas a danar a súa imaxe e reafirma o seu compromiso cunha acción política baseada no respecto institucional, a responsabilidade e a defensa dos intereses da veciñanza.