O PSdeG de Monterroso denuncia falta de transparencia no reparto das gafas para observar a eclipse

LugoXa
Os socialistas reclaman explicacións ao Goberno local do PP sobre a distribución das 536 unidades enviadas pola Deputación de Lugo
Rafael-García-PSOE-Monterroso
6 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso denunciou a “falta absoluta de transparencia” do Goberno local do PP na distribución das 536 gafas protectoras para observar a eclipse solar remitidas pola Deputación de Lugo ao municipio. Segundo sinalan, o material xa está esgotado sen que o Concello informase previamente á veciñanza sobre o proceso de reparto.

O voceiro socialista, Rafael García, manifestou a súa “indignación e total sorpresa” ao comprobar que as unidades xa non están dispoñibles malia que, segundo asegura, non se publicou ningún bando municipal nin se realizou ningún anuncio público indicando onde, cando e baixo que criterios podían ser recollidas.

Desde o PSdeG lembran que a Deputación enviou a Monterroso un lote de gafas calculado en función da poboación do municipio co obxectivo de facilitar á cidadanía material homologado para observar o eclipse con seguridade. Porén, consideran que o Goberno local realizou a distribución “sen publicidade, sen criterios coñecidos e sen garantir a igualdade de oportunidades no acceso a este recurso”.

Os socialistas sosteñen que o procedemento empregado deixou a unha parte importante da veciñanza sen opción de acceder ao material gratuíto. “Estamos ante un reparto opaco e inxusto que deixou á maioría dos monterrosinos e monterrosinas sen posibilidade de acceder a estas gafas”, afirmou Rafael García.

O Grupo Municipal Socialista esixiu ao Executivo local explicacións sobre o procedemento seguido e sobre o destino das 536 unidades entregadas pola institución provincial. En concreto, solicita información sobre os puntos de distribución, os criterios empregados e o número de persoas beneficiadas.

“Queremos saber onde, como e a quen se repartiron as gafas e por que o Concello decidiu facelo ás costas da veciñanza. Os recursos públicos deben distribuírse con transparencia, publicidade e igualdade, non de maneira arbitraria”, concluíu o portavoz socialista.

0.13236689567566