O PSdeG de Monterroso denuncia o deterioro do Espazo Cultural Lorenzo Varela e reclama unha intervención urxente

LugoXa
Os socialistas levarán ao pleno unha iniciativa para reparar a cuberta, arranxar os aseos e elaborar un proxecto de rehabilitación que permita acceder a fondos doutras administracións
goteiras-Espazo-Cultural-Monterroso
11 Nov 2026

O PSdeG de Monterroso denunciou o estado de deterioro do Espazo Cultural Lorenzo Varela, onde as primeiras choivas volveron evidenciar os problemas de filtracións no edificio. A formación asegura que se trata dunha situación que se prolonga no tempo e critica a falta de actuacións por parte do Goberno local para solucionar as deficiencias das instalacións.

Segundo sinalan os socialistas, actualmente están a utilizarse caldeiros e barreños nas oficinas de atención ao público para recoller a auga das goteiras, mentres que os aseos permanecerían pechados cun cartel que informa da súa avaría. O grupo municipal considera que estas medidas non resolven os problemas do inmoble e reclama unha intervención que garanta unhas condicións adecuadas para as persoas usuarias.

O PSdeG lembra que no edificio se prestan servizos como o Xulgado de Paz, a Ocioteca, a Biblioteca e o Servizo Municipal de Augas, ademais de acoller aulas de formación e actividades socioculturais. Por iso, advirte de que o estado das instalacións afecta ao funcionamento de diferentes servizos municipais.

A formación tamén apunta á posibilidade de recorrer a axudas europeas e plans estatais para financiar unha rehabilitación integral, como asegura que xa fixeron outros concellos da comarca en edificios similares. Neste sentido, considera que Monterroso debería buscar financiamento doutras administracións para acometer as obras sen depender exclusivamente dos recursos municipais.

Para reclamar solucións, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE anunciou que rexistrará unha iniciativa de urxencia para o seu debate no pleno. Entre as medidas que propón figuran a reparación inmediata da cuberta para eliminar as filtracións, a elaboración dun informe técnico sobre todas as deficiencias estruturais do edificio e o arranxo integral dos aseos públicos para permitir a súa reapertura.

A iniciativa tamén contempla a redacción dun proxecto de rehabilitación que permita optar a axudas europeas e plans estatais, así como solicitar o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

0.1128830909729