O PSdeG de Monterroso denunciará á Valedora do Pobo "o bloqueo ás axudas ao tecido asociativo"

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso anunciou que acudirá á Valedora do Pobo para denunciar o bloqueo do alcalde do PP, Eloy Pérez, ás axudas destinadas ao tecido asociativo e ás comisións de festas do municipio, tras a súa negativa a cumprir o acordo aprobado pola maioría da Corporación no Pleno do 27 de maio.
Dende o PSdeG consideran “intolerable” que o rexedor pretenda ignorar unha decisión adoptada pola maioría da Corporación, que aprobou dotar estas axudas con cargo ao remanente de tesourería, e denuncian que o alcalde intente agora supeditar as subvencións nominativas das asociacións e das comisións de festas á aprobación duns novos orzamentos municipais.
Para o voceiro socialista, Rafael García, esta postura supón unha “chantaxe política en toda regra” e unha “escusa de mal pagador”, coa que o alcalde utiliza aos colectivos veciñais “como reféns e moeda de cambio”, e advertiu de que a proposta do rexedor “non é unha solución, senón unha trampa burocrática”, xa que a tramitación duns novos orzamentos municipais podería atrasar os pagos durante meses.
“Se aceptamos a súa chantaxe, os cartos non chegarán ás asociacións ata o outono, cando a campaña de verán, as citas culturais e boa parte das festas patronais xa teñan pasado, e cando moitas directivas xa tiveron que adiantar cartos do seu propio peto”, denunciou o voceiro socialista.
García explicou que o PSdeG xa solicitou formalmente á Secretaría Xeral do Concello unha certificación do acordo plenario da sesión do 27 de maio, un paso administrativo que consideran “previo e indispensable” para trasladar unha denuncia formal ante a Valedora do Pobo.
Dende o PSdeG consideran que este bloqueo constitúe unha “vinganza política” contra o Pleno, que acaba castigando directamente á veciñanza e ao movemento asociativo de Monterroso. Por iso, coa certificación oficial do acordo plenario, a formación trasladará o caso á Valedora do Pobo para que interveña ante a inactividade do Goberno local.
“O Concello ten cartos de sobra no remanente e o Pleno deu unha solución rápida e clara o 27 de maio. Non imos permitir que a soberbia do alcalde poña en risco o motor social, cultural e festivo de Monterroso”, concluíu Rafael García.