O PSdeG de Monterroso pedirá no Pleno a reprobación do alcalde pola falta de avances na residencia de maiores

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso presentará no vindeiro Pleno unha moción na que reproba a xestión do alcalde, Eloi Pérez Sindín, pola exclusión do municipio do novo plan de residencias da Xunta de Galicia. A proposta esixe ao goberno local que formalice a compra dos terreos necesarios e solicita á administración autonómica que rectifique e incorpore a Monterroso dentro da súa planificación.
Segundo lembra o voceiro socialista, Rafael García, o propio rexedor anunciara en 2022, cando ocupaba o cargo de tenente de alcalde, un compromiso de financiamento por parte da Xunta para erguer esta infraestrutura. Posteriormente, en outubro de 2025, a Corporación aprobou por unanimidade unha moción do PSdeG na que se reclamaba esta residencia. Con todo, catro anos despois daquel primeiro anuncio, o municipio segue sen figurar na planificación autonómica.
García considera que o alcalde non foi capaz de trasladar o respaldo unánime do Pleno perante os responsables autonómicos, e cualifica a exclusión do plan como un fallo de xestión por parte do goberno local do PP.
A moción socialista solicita que se execute a adquisición dos terreos contemplada no Orzamento municipal de 2026, aprobado definitivamente o 4 de agosto, e pide tamén que se insta á Consellería de Política Social e Igualdade a incorporar a Monterroso no plan de residencias. Dende o PSdeG rexeitan que o rexedor traslade a responsabilidade á oposición, xa que consideran que lle corresponde ao propio goberno municipal tramitar a compra e reclamar o financiamento autonómico.
O voceiro socialista subliña a importancia de garantir servizos axeitados e próximos para as persoas maiores, e advirte de que a veciñanza de Monterroso non pode seguir a agardar compromisos que se aprazan ano tras ano, mentres moitos maiores se ven obrigados a deixar o seu contorno habitual ante a falta dunha residencia no municipio.
Reparto do canon da auga
A segunda moción que presentará o grupo socialista plantexa un sistema público, regulado e transparente para a distribución do canon da auga, co obxectivo de que os recursos recadados reviertan nos municipios e se evite unha asignación discrecional dos fondos. Os socialistas defenden que un tributo finalista non debería converterse nunha fonte de desequilibrio entre territorios nin depender de criterios de afinidade política.
A proposta plantexa que, como mínimo, o 50 % do recadado en cada concello se destine a investimentos dentro do propio municipio, que un 30 % se dedique á solidariedade territorial entre concellos, e que un máximo do 20 % se reserve para cubrir os custos de xestión, mantemento e funcionamento do sistema autonómico. Ademais, reclaman a elaboración dun informe anual por municipios que detalle a recadación, os investimentos executados, os convenios asinados e os criterios técnicos empregados no reparto.
O PSdeG de Monterroso insiste en que as políticas locais deben situar ás persoas no centro, e pide ao goberno local do PP que deixe de aprazar compromisos e atenda de forma efectiva as necesidades do municipio.