O PSdeG de Monterroso reclama ao PP que cumpra co compromiso da residencia de maiores

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso reclama ao PP que dea pasos concretos para facer realidade a residencia de maiores despois de que o Pleno municipal aprobase novamente por unanimidade unha moción para solicitar esta infraestrutura. O voceiro socialista, Rafael García, valorou o apoio de toda a Corporación, pero criticou que sexa necesario reiterar a petición ante a falta de resposta da Xunta.
Segundo sinala García, trátase da segunda ocasión en menos dun ano na que o Concello de Monterroso aproba por unanimidade reclamar a residencia. Os socialistas consideran que o novo acordo debe ir acompañado agora de actuacións concretas por parte do Goberno municipal e da Administración autonómica.
"En outubro de 2025 xa logramos a unanimidade do Pleno para esixir esta infraestrutura. Case un ano despois, temos que volver aprobar a mesma reclamación porque Monterroso segue fóra da planificación autonómica", afirma o voceiro socialista. García sostén que esta situación evidencia, ao seu xuízo, a falta de capacidade do alcalde para trasladar e facer cumprir os acordos municipais ante a Xunta, gobernada polo seu mesmo partido.
O PSdeG lembra ademais que o actual alcalde, cando exercía como tenente de alcalde, anunciou en agosto de 2022 un compromiso de financiamento para a residencia tras manter un encontro coa daquela conselleira de Política Social, Fabiola García. Os socialistas apuntan tamén que esta infraestrutura formou parte dos compromisos anunciados polo PP durante a campaña das eleccións municipais de 2023.
"Catro anos despois daquela foto, seguimos sen residencia e temos que reiterar unha reclamación que o PP xa apoiara. Votar a favor non pode servir para tapar anos de promesas incumpridas: o alcalde ten que xestionar e a Xunta ten que cumprir", sinala Rafael García.
Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista reclama que o novo acordo plenario non quede novamente sen efectos e pide ao Goberno local que formalice a adquisición da parcela prevista para a infraestrutura. Tamén esixe que o PP de Monterroso traslade á Xunta a necesidade de concretar o financiamento anunciado.
"Non imos admitir máis escusas nin que se siga aprazando unha necesidade das nosas familias. O PP ten que deixar de prometer a residencia e dar os pasos necesarios para facela realidade", conclúe o voceiro socialista.