O PSdeG de Monterroso reclama garantir as axudas ás asociacións e comisións de festas

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso defenderá no Pleno deste mércores unha iniciativa dirixida a asegurar as subvencións nominativas destinadas ás asociacións locais, entidades culturais e deportivas, colectivos veciñais e comisións de festas das parroquias.
O voceiro socialista, Rafael García Figueiras, advertiu de que a prórroga dos orzamentos municipais para o exercicio 2026 está a provocar “un freo evidente” na actualización destas achegas económicas, unha situación que, ao seu xuízo, deixa aos colectivos do municipio nun escenario de “vulnerabilidade financeira” ao non poder adaptar os seus recursos ao incremento dos custos nin planificar con estabilidade as actividades previstas.
Desde o PSdeG sinalan que boa parte da vida social, cultural e deportiva de Monterroso depende directamente do labor desenvolvido polas asociacións e polas comisións festivas das parroquias. Segundo indican, estes colectivos desempeñan un papel fundamental na dinamización do municipio, na organización de actividades e no mantemento da convivencia e da cohesión veciñal.
Por este motivo, os socialistas consideran necesario actuar “con rapidez” para impedir que a demora na tramitación das subvencións poida afectar á programación prevista para este ano. A proposta que se debaterá no Pleno solicita á Alcaldía que impulse con carácter urxente un expediente de modificación de crédito mediante a fórmula de crédito extraordinario, financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería correspondente ao exercicio 2025.
A moción presentada polo grupo socialista sostén que as contas municipais pecharon o pasado exercicio cun remanente positivo suficiente para afrontar esta medida sen comprometer a estabilidade financeira do Concello.
Ademais, a iniciativa tamén reclama que o goberno local reserve os fondos necesarios para adaptar as axudas á realidade económica actual e estableza un calendario áxil que permita resolver a concesión das subvencións no menor prazo posible.
“O noso principal obxectivo é protexer o interese xeral da veciñanza e garantir a supervivencia das asociacións do municipio”, afirmou Rafael García, quen insistiu en que estes colectivos “non poden quedar condicionados pola falta de iniciativa política”.
O portavoz socialista asegurou ademais que existen ferramentas legais e capacidade económica para dar resposta ás necesidades das entidades locais. “Se hai remanente nas contas e existen mecanismos para actuar, o que fai falta é vontade política e capacidade de xestión”, manifestou.
García concluíu facendo un chamamento ao goberno municipal para que apoie “ás entidades que manteñen viva a actividade social, cultural, deportiva e festiva de Monterroso” e facilite que poidan desenvolver con normalidade as iniciativas previstas ao longo do ano.