O PSdeG de Monterroso reclama os documentos que avalan o préstamo de 800.000 euros que o PP levará ao pleno

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso solicitou á Alcaldía os proxectos técnicos e os convenios que xustifican os investimentos asociados ao préstamo bancario de 800.000 euros que o PP pretende someter a votación no pleno deste xoves. A formación reclama acceder á documentación antes de fixar a súa posición, ao considerar necesario comprobar que as actuacións previstas contan co financiamento necesario antes de comprometer os recursos municipais durante os vindeiros 25 anos.
A petición retoma as críticas que os socialistas formularon o pasado mes de xullo, cando votaron en contra do Orzamento de 2026 por entender que dependía dun crédito bancario de 800.000 euros e de 547.000 euros en achegas doutras administracións sen o suficiente respaldo documental. Agora, ante a votación da operación de crédito, o grupo quere verificar que eses ingresos están garantidos e que os investimentos poden levarse a cabo.
O voceiro socialista, Rafael García, advertiu de que o seu partido non apoiará o préstamo sen coñecer o destino dos cartos e as garantías de financiamento das obras. "Non imos asinar un cheque en branco para facerlle a campaña ao PP nin para encubrir a falta de compromiso da Xunta de Galicia con Monterroso", afirmou.
O PSdeG cuestiona que se pretenda formalizar unha operación cun prazo de devolución de 25 anos e un tipo de xuro fixo do 4,46 % sen achegar documentación que acredite que as actuacións previstas contan con todos os fondos necesarios. "O alcalde ten que explicar que obras se van executar e demostrar que conta coas achegas necesarias para facelas realidade", sinalou García.
Segundo o anexo de investimentos do orzamento, máis de 547.000 euros das actuacións previstas dependen de subvencións doutras administracións. Por este motivo, os socialistas reclaman os convenios asinados e os compromisos firmes que acrediten a dispoñibilidade deses recursos. Entre as partidas sobre as que piden información están os 250.000 euros destinados á reforma e á cuberta do Fogar Residencial, para os que se prevén outros 250.000 euros de subvención; os 90.000 euros para renovar as rúas Lorenzo Varela e Benigno Vázquez; e os 120.000 euros reservados para construír unha senda peonil en Sirgal.
A solicitude inclúe tamén as valoracións técnicas que xustifiquen os 120.000 euros previstos para adquirir parcelas na área recreativa da Peneda.
O grupo agarda recibir unha resposta antes do pleno deste xoves, co obxectivo de que os membros da corporación poidan revisar a documentación antes de votar. "A veciñanza de Monterroso ten dereito a saber en que se van gastar estes cartos e que garantías existen para executar as obras. O préstamo non o vai pagar o alcalde nin o PP, senón o Concello cos recursos de todos os veciños e veciñas durante os vindeiros 25 anos", concluíu Rafael García.