O PSdeG de Portomarín denuncia falta de transparencia do PP sobre a situación da auga

LugoXa
Os socialistas aseguran que o alcalde segue sen facilitar a documentación solicitada sobre as analíticas, o proxecto de mellora do abastecemento e as xestións realizadas con outras administracións
escrito-PSOE-Portomarín-rexistro-municipal-traída-auga
14 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín acusou ao Goberno local do Partido Popular de impedir o acceso á información pública relacionada coa problemática da auga no municipio. A formación asegura que, malia as reiteradas solicitudes presentadas no Concello, continúa sen recibir a documentación requirida.

O voceiro socialista, Sergio Vázquez, rexistrou este luns un cuarto escrito no que reclama de novo as analíticas da auga realizadas desde xuño de 2025 ata a actualidade, o proxecto técnico anunciado polo alcalde para a mellora do depósito e da rede de abastecemento, así como as comunicacións remitidas a outras administracións para solicitar apoio económico ante esta situación.

Segundo Vázquez, o rexedor está a actuar con "total opacidade" nun asunto que afecta directamente á veciñanza. O portavoz cuestiona por que o Goberno local non facilita as analíticas nin o proxecto anunciado publicamente e pregúntase se existe algún motivo para ocultar esa información.

Desde o PSdeG lembran que o acceso á documentación municipal é un dereito dos membros da corporación e unha obriga do Executivo local, polo que consideran que o PP non pode impedir que o grupo da oposición exerza a súa función de control sobre un problema que preocupa cada vez máis aos veciños.

Os socialistas explican que a primeira petición foi rexistrada o 16 de xuño, cando solicitaron as analíticas da auga correspondentes ao período comprendido entre xuño de 2025 e a actualidade. O 23 de xuño presentaron un segundo escrito para acceder ao proxecto técnico das actuacións previstas no depósito e na rede de abastecemento, así como ás comunicacións mantidas con outras administracións.

Ao non obter resposta, o 1 de xullo rexistraron unha terceira solicitude para fixar unha data e unha hora que lles permitise consultar a documentación e obter copia da mesma. Este 13 de xullo volveron reiterar esa petición mediante un cuarto escrito.

Vázquez considera especialmente preocupante que o Partido Popular manteña esta actitude nun asunto relacionado coa calidade da auga de consumo e cuestiona se a falta de información responde á inexistencia do proxecto anunciado, á ausencia de xestións con outras administracións ou ao contido das analíticas realizadas.

O Grupo Municipal Socialista lembra tamén que a moción presentada polo PSdeG sobre os problemas da auga foi aprobada no último pleno co apoio do Partido Popular. Ao seu xuízo, non ten sentido respaldar unha iniciativa para abordar esta problemática e, ao mesmo tempo, negar o acceso á información necesaria para coñecer a situación real.

Por último, os socialistas reclaman ao alcalde que fixe canto antes unha data para consultar a documentación solicitada e advirten de que, se continúa impedindo o acceso á información, adoptarán as medidas que consideren oportunas para defender os seus dereitos como representantes públicos e o dereito da veciñanza a coñecer o estado da auga que chega ás súas vivendas.

0.12133407592773