O PSdeG de Portomarín levou ao pleno varias demandas veciñais sobre seguridade viaria, infraestruturas e mantemento

LugoXa
Os socialistas reclaman actuacións en Soengas, Sanfiz, Recelle e varias rúas do municipio para dar resposta a problemas que afectan á veciñanza
melloras-Portomarin
23 Apr 2026

O Grupo Municipal Socialista presentou unha batería de propostas centradas en mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, incidindo especialmente en cuestións de seguridade viaria, mantemento de infraestruturas e resolución de incidencias detectadas en distintos puntos do municipio.

Entre as iniciativas expostas no pleno, os socialistas solicitaron a colocación dunha sinalización que prohiba o paso de camións antes de chegar á igrexa, na parroquia de Soengas, co obxectivo de evitar riscos e molestias para a veciñanza da zona.

Así mesmo, volveron reclamar a instalación dun quitamedos na pista de Sanfiz, unha demanda que, segundo lembran, levan formulando desde hai máis de dez anos sen que ata o momento se materializase.

Outra das peticións fai referencia á necesidade de limpar e acondicionar o camiño que conduce ao tanque de incendios en Recelle, unha actuación que xa foi solicitada en varias sesións plenarias anteriores sen obter resposta definitiva.

No ámbito urbano, o grupo socialista pediu que se rematen as obras iniciadas na Rúa do Peregrino e tamén na vía que discorre pola parte traseira do albergue de peregrinos, no treito comprendido entre a Casa do Médico e a Rúa Fraga Iribarne.

Por último, puxeron o foco nos problemas detectados na Rúa de Lugo, onde varios veciños están a sufrir a entrada de auga nas súas vivendas e patios desde que se realizaron traballos de limpeza na Rúa das Bodegas, unha situación para a que reclaman unha solución urxente.

0.13384890556335