O PSdeG de Portomarín reclama medidas urxentes para resolver os problemas no abastecemento de auga

LugoXa
Os socialistas presentarán unha moción no próximo Pleno para pedir melloras na rede municipal e máis información á veciñanza
PSOE-Portomarín-pleno
19 Jun 2026

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín vén de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno ordinario, previsto para o xoves 25 de xuño, co propósito de esixir actuacións urxentes para solucionar as deficiencias que, segundo denuncian, afectan desde hai tempo ao servizo municipal de abastecemento de auga.

O voceiro socialista, Sergio Vázquez, asegura que o municipio afronta “un problema moi grave, recorrente e cada vez máis preocupante” na rede de abastecemento, unha situación que, segundo indica, afecta especialmente á capitalidade municipal e tamén a núcleos e parroquias como San Roque, Barco, Castrolázaro ou Cortapezas.

Desde o PSdeG lembran que durante este mes, coincidindo coas tormentas rexistradas nos últimos días, a auga da traída municipal chegou ás vivendas en condicións que cualifican de insalubres, presentando turbidez visible e un cheiro anómalo. Segundo indican, esta situación prolongouse durante varios días, dificultando tarefas cotiás como o aseo persoal, a preparación de alimentos ou o lavado da roupa.

A formación socialista sostén que esta problemática tamén tivo consecuencias na actividade hostaleira e na imaxe turística do municipio, un punto de paso e estancia para milleiros de visitantes ao longo do ano. “Non falamos dunha molestia puntual, senón dun problema que afecta á vida diaria da veciñanza, á saúde pública, á actividade económica e á imaxe de Portomarín”, sinalan.

Entre as propostas incluídas na moción figura a realización dunha auditoría da rede municipal de abastecemento co obxectivo de coñecer o estado real do sistema e determinar as actuacións necesarias para a súa mellora. Tamén solicitan ao Partido Popular que reclame á Xunta de Galicia recursos, especialmente económicos, para colaborar na reparación e modernización da rede.

Ademais, o Grupo Municipal Socialista pide ao alcalde que, en futuras incidencias, se informe á veciñanza sobre a situación existente e sobre o estado da auga, así como a posta en marcha de medidas compensatorias para as persoas afectadas.

Outro dos puntos incluídos na iniciativa reclama a publicación periódica dos resultados das analíticas da auga no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (SINAC), co fin de facilitar á cidadanía o acceso a esta información.

Sergio Vázquez lembra tamén que esta cuestión xa foi levada ao Pleno en setembro de 2023 mediante outra moción que non prosperou ao contar co voto contrario do goberno local do PP. Segundo explica, naquela ocasión o alcalde asegurara que estaba prevista a redacción dun proxecto para ampliar a depuradora existente ou construír unha nova infraestrutura. “Case tres anos despois, dese proxecto nada se sabe”, critica o voceiro socialista.

Desde o PSdeG tamén lembran que en xuño de 2024 volveron reclamar a implicación da Xunta mediante un convenio de colaboración que incluíse compromisos concretos para mellorar o abastecemento e asegurar a calidade da auga. Ademais, sinalan que en setembro dese mesmo ano realizaron unha análise da auga da traída municipal que concluíu que non era apta para o consumo humano e que presentaba diversos parámetros alterados.

A formación insiste en que o abastecemento de auga potable constitúe un servizo básico dos concellos e considera que a veciñanza de Portomarín debe contar con información clara, solucións eficaces e garantías sobre a calidade da auga que chega aos seus fogares.

0.12490200996399