O PSdeG de Portomarín rexeita uns orzamentos do PP que considera “pouco ambiciosos e inflados”

LugoXa
Os socialistas critican a falta de investimentos reais, a dependencia da Deputación e a ausencia de proxectos de futuro para o concello
PSOE-Portomarín-pleno
14 Apr 2026

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín votou en contra dos orzamentos presentados polo goberno local do Partido Popular no último Pleno ao considerar que se trata dunhas contas pouco ambiciosas, simples e infladas con partidas sen confirmar, incapaces de dar resposta ás necesidades reais do concello tras cinco anos co orzamento prorrogado.

O voceiro socialista, Sergio Vázquez, reprochou que o alcalde presentase por primeira vez dende que está no goberno uns orzamentos sen apenas explicacións á corporación e sen detallar ningún proxecto de futuro para o municipio.

Dende o Grupo Socialista cuestionaron especialmente a distribución das partidas, ao entender que reflicte unha falta de ambición inversora. Segundo indicou Vázquez, as inversións apenas aumentan algo máis de 100.000 euros, mentres que o capítulo de persoal medra arredor de medio millón de euros, o que ao seu xuízo evidencia as prioridades do Executivo local e a súa escasa vontade de impulsar actuacións transformadoras.

As e os socialistas consideran ademais que o apartado de investimentos resulta insuficiente e afastado das necesidades do concello. Advirten de que boa parte das actuacións previstas dependen dos fondos da Deputación de Lugo, principalmente a través do Plan Deputación, o que, segundo sinalan, pon de manifesto a falta de iniciativa do PP para promover proxectos propios.

O PSdeG tamén puxo en dúbida o carácter real das inversións recollidas nas contas, xa que moitas partidas non están confirmadas e dependen de subvencións pendentes de resolución. Neste sentido, critican que se presenten uns orzamentos como pechados cando existen actuacións sen financiamento garantido, o que, ao seu entender, contribúe a ofrecer unha imaxe que non se corresponde coa realidade.

Durante a sesión plenaria, Sergio Vázquez interesouse por diversas actuacións anunciadas nos últimos anos polo alcalde que non figuran nos orzamentos nin presentan avances. Entre elas, destacou o millón de euros comprometido pola Consellería de Medio Ambiente e Vivenda para a construción dun aparcadoiro subterráneo, lembrando que o PSdeG sempre defendeu destinar eses fondos á creación de vivenda pública debido á necesidade existente no municipio. A día de hoxe, segundo indicou, non hai información sobre este compromiso.

Na mesma liña, o portavoz preguntou polos 3 millóns de euros anunciados para a depuradora e o saneamento, unha actuación que o PP asegurara que asumiría a Xunta, pero da que non hai novidades nin aparece recollida nas contas. Tampouco hai avances sobre o Plan Xeral nin sobre as melloras no abastecemento de auga, actuacións anunciadas previamente polo goberno local.

Outro dos motivos do voto en contra foi, segundo explica o PSdeG, a falta de actualización das achegas municipais ás entidades e asociacións locais, que levan máis dunha década percibindo as mesmas cantidades pese ao incremento dos custos e á relevancia do seu labor social, cultural e deportivo.

Os socialistas conclúen que os orzamentos aprobados non responden ás necesidades reais de Portomarín nin supoñen o cambio que o concello precisa tras cinco anos sen novas contas municipais. Segundo indicou Sergio Vázquez, o municipio necesita uns orzamentos serios, detallados e ambiciosos, fronte a unhas contas que cualifican de pouco transparentes, limitadas e dependentes en boa medida da Deputación de Lugo.

0.11965990066528