O PSdeG de Rábade acusa ao PP de incumprir co calendario de plenos cun novo cambio de datas

O voceiro do PSdeG de Rábade, Alejandro Martínez, denuncia que a alcaldesa do PP, Remedios González, volve incumprir o calendario de plenos ao convocar para o luns 2 de novembro, ás 12.00 horas, a sesión ordinaria prevista para o día 11. “A alcaldesa xestiona o Concello como se fose da súa propiedade e modifica as datas dos plenos cando lle vén en gana, sen respectar os acordos da Corporación nin atender as reiteradas reclamacións da oposición”, critica.
A propia convocatoria identifica a sesión como substitutiva da correspondente ao 11 de novembro, segundo mércores do mes e data fixada no calendario aprobado pola Corporación. Martínez reprocha á rexedora que persista nesta práctica malia as denuncias públicas e as peticións para que cumpra unha programación coñecida de antemán por todos os grupos municipais.
O PSdeG lembra que xa advertiu a comezos de outubro de que só 3 dos 19 plenos ordinarios celebrados no mandato respectaran a data prevista. Máis do 84% das sesións tiveron lugar fóra do calendario fixado, un balance ao que agora se suma este novo cambio.
“Os membros da oposición temos obrigas laborais que debemos compatibilizar coas nosas responsabilidades municipais. Cambiar continuamente as datas e manter as sesións ás doce da mañá dificulta a nosa asistencia e tamén a da veciñanza. É unha falta de respecto á oposición e á cidadanía”, denuncia o voceiro socialista.
Martínez esixe á alcaldesa que respecte os acordos da Corporación e advirte de que o PSdeG seguirá denunciando estes incumprimentos. “Ter maioría absoluta non lle dá dereito a dispoñer do Concello ao seu antollo. Seguiremos reclamando que cumpra o calendario e que deixe de poñer trabas ao labor de quen representa á veciñanza de Rábade”, conclúe.