O PSdeG de Rábade celebra a licitación das obras na rúa Bautista Núñez e destaca a súa mellora da seguridade viaria

LugoXa | TerraChaXa
A actuación, cun investimento de 68.000 euros da Deputación de Lugo, afectará ao treito urbano da LU-P-5101 e inclúe a rehabilitación do firme e melloras na drenaxe
rua-bautista-nuñez-rabade
13 Jun 2026

O PSdeG de Rábade valorou positivamente a aprobación da licitación das obras de rehabilitación do firme na estrada provincial LU-P-5101, no tramo correspondente á rúa Bautista Núñez, unha intervención impulsada pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo.

O voceiro socialista no municipio, Alejandro Martínez, sinalou que se trata dunha actuación prioritaria que foi trasladada pola agrupación local á presidenta da Deputación, Carmela López, nunha reunión celebrada o pasado mes de maio. Segundo explicou, a intervención responde á necesidade de mellorar unha vía moi transitada e con deterioro no seu pavimento.

“Falamos dunha necesidade que levaba tempo enriba da mesa. Esta intervención é fundamental para garantir a seguridade, mellorar a mobilidade e contribuír á calidade de vida das nosas veciñas e veciños”, apuntou Martínez.

As obras afectarán a uns 300 metros da vía, desde o entroncamento coa N-VI ata o percorrido pola rúa Bautista Núñez, unha das zonas con maior intensidade de tráfico da localidade. O proxecto inclúe o fresado do firme, a súa posterior pavimentación con aglomerado en quente e a instalación dunha rigola para mellorar a evacuación das augas pluviais.

O voceiro socialista destacou tamén a rapidez na tramitación da Deputación, que considerou que “en menos dun mes” deu resposta á demanda trasladada. Así mesmo, puxo en valor o labor da agrupación local á hora de canalizar as necesidades veciñais cara ás administracións competentes.

Martínez concluíu subliñando que os investimentos que están a executarse no municipio “seguen chegando da man dos gobernos progresistas”, fronte á ausencia de actuacións recentes por parte da Xunta, segundo afirmou.

0.14976119995117