O PSdeG denuncia á alcaldesa por convocar só 3 dos 19 plenos ordinarios celebrados na data prevista

O Grupo Municipal Socialista de Rábade denuncia que a alcaldesa do PP, Remedios González, e o seu equipo de goberno converteron os cambios de data dos plenos nunha práctica habitual: dos 19 plenos ordinarios celebrados no que vai de mandato, só 3 respectaron o calendario fixado. Os outros 16 -o 84,2%- tiveron lugar en datas distintas ao segundo mércores dos meses impares, día establecido para as sesións.
O voceiro socialista, Alejandro Martínez, cualifica esta situación de “descontrol absoluto” e acusa ao Goberno do PP de trasladar a súa falta de organización ao funcionamento democrático do Concello. Advirte de que a alteración sistemática das datas dificulta o labor de fiscalización da oposición e a asistencia da veciñanza aos plenos.
“É inadmisible que cumprir o calendario sexa a excepción. A alcaldesa e o seu equipo son incapaces de respectar unha planificación que coñecen de antemán e trasladan as consecuencias da súa desorganización á oposición e á veciñanza”, denuncia.
As e os socialistas advirten de que esta forma de actuar dificulta a conciliación das obrigas laborais dos membros da Corporación co seu labor de control e fiscalización do Goberno municipal. O descontrol reflíctese en casos como o dun pleno que se atrasou ata o mes seguinte ao previsto, outro trasladado a un luns sen que Martínez recibise a convocatoria -por supostos problemas coa sede electrónica-, unha sesión celebrada en xoves e outra adiada ata o último día hábil para aprobar a Conta Xeral.
O PSdeG denuncia, ademais, que a celebración das sesións ás doce da mañá agrava as dificultades de asistencia, tanto dos representantes municipais como das veciñas e veciños. “Se cambian a data de máis do 84% dos plenos, quen pode organizarse? Os membros da oposición temos traballos e obrigas que compatibilizar coa nosa responsabilidade municipal, e a veciñanza tamén precisa saber con antelación cando se celebran as sesións para poder asistir”, sinala Martínez.
A formación esixe ao PP que respecte o calendario, garanta a correcta notificación das convocatorias e fixe horarios que permitan a asistencia de todos os grupos da Corporación. “A súa falta de organización non pode seguir condicionando a vida municipal nin dificultando o traballo de quen representa á veciñanza de Rábade. Semella que o PP e os seus dirixentes pretenden gobernar sen dar contas a ninguén dunha xestión escasa e contraria aos intereses xerais das veciñas e veciños”, concluíu Martínez.