O PSdeG denuncia deficiencias na climatización da Biblioteca Ramón Ferreiro e acusa a Xunta de inacción

A voceira adxunta do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Ana González Abelleira, alertou das "graves deficiencias" que afectan ás persoas usuarias e ao persoal da Biblioteca Pública Biblioteca Pública Ramón Ferreiro, derivadas do mal funcionamento dos sistemas de climatización e ventilación. Segundo denunciou, a situación mantense ao longo de todo o ano 2026 sen que a Xunta de Galicia ofrecese unha solución efectiva.
González Abelleira explicou que o sistema de calefacción e aire acondicionado da sala de adultos, onde moitas persoas opositoras preparan as súas probas, permanece inoperativo desde comezos de ano, provocando temperaturas extremas que dificultan o estudo e a permanencia nas instalacións, especialmente durante as últimas ondas de calor.
A edil indicou ademais que só nunha xornada recente se rexistraron doce queixas por parte de usuarios debido ás altas temperaturas nas salas de lectura e estudo, unha cifra que, ao seu xuízo, evidencia que o problema acadou un nivel “insostible”.
A esta situación súmase a prohibición de abrir as fiestras para favorecer a ventilación natural, unha medida que, lonxe de mellorar as condicións, estaría agravando o malestar de centos de persoas que utilizan a biblioteca a diario.
A concelleira socialista cualificou de incomprensible que unha infraestrutura pública destinada ao estudo, á lectura e á formación funcione nestas condicións en pleno 2026, ao tempo que acusou a Xunta de falta de resposta ante unha competencia directa sobre o edificio.
Tamén criticou a actitude do Goberno local de Elena Candia, ao que reprochou unha falta de presión institucional cara á administración autonómica. Segundo sinalou, o executivo municipal mantén unha posición de silencio que, ao seu xuízo, debilita a defensa dos intereses da cidadanía de Lugo.
González Abelleira reclamou unha intervención inmediata para reparar o sistema de climatización e garantir condicións axeitadas tanto para usuarios como para o persoal, e cuestionou o compromiso da Xunta cos servizos públicos culturais e educativos.