O PSdeG denuncia que o centro de saúde de Baralla quedou sen médicos dous días

O PSdeG de Baralla expresou a súa preocupación pola situación da atención sanitaria no municipio despois de que o centro de saúde permanecese sen ningún médico o pasado luns e tamén o xoves da semana anterior. Os socialistas consideran que estes episodios son "absolutamente inaceptables" e alertan do empeoramento dun servizo esencial para a poboación.
A formación denuncia que a situación vai máis alá da falta de profesionais necesarios para cumprir os ratios de atención sanitaria. "Xa non estamos a falar de incumprir o ratio de médicos que debería ter Baralla. Estamos a falar de que hai días nos que o centro médico queda sen un só facultativo para atender á poboación", sinalan.
O PSdeG responsabiliza o actual goberno local da falta de resposta aos problemas que afectan á cidadanía e considera que o executivo municipal debería implicarse máis na defensa dos servizos públicos. Segundo os socialistas, mentres a asistencia sanitaria perde recursos, o alcalde estaría centrado en proxectos que cualifican de propagandísticos e en actuacións que, ao seu xuízo, non se traducen en melloras efectivas para os veciños.
A formación vincula esta situación cun deterioro máis amplo do municipio. Entre os problemas que apunta figuran as deficiencias no mantemento das infraestruturas, a falta de planificación e as dúbidas sobre a situación económica municipal e a capacidade de xestión do actual equipo de goberno.
Os socialistas consideran que Baralla atravesa unha etapa de abandono institucional que estaría provocando a perda progresiva de servizos e oportunidades, con consecuencias directas na calidade de vida da poboación.
No seu comunicado, tamén cuestionan a atención que, segundo afirman, o alcalde presta á política de empadroamentos, que consideran que adoita intensificarse antes das convocatorias electorais. "Mentres os problemas reais dos veciños quedan sen resposta, hai preocupación por asegurar a continuidade no poder, pero non por garantir servizos públicos dignos", sosteñen.
O PSdeG reclama actuacións inmediatas para garantir unha atención médica adecuada e pide ao alcalde e ao seu equipo unha maior implicación ante as administracións competentes para defender os intereses de Baralla. A formación insta o goberno local a deixar de lado o que cualifica de política de aparencia e centrar os seus esforzos nas necesidades da veciñanza.