O PSdeG esixe á Xunta que rexeite de forma definitiva o proxecto de Altri

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu de que o “corazón verde” de Galicia está “en perigo” pola “ambigüidade política e administrativa” que, ao seu xuízo, mantén a Xunta respecto ao proxecto da macrocelulosa de Altri. A representante socialista anunciou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar ao Goberno galego que dite de maneira inmediata unha “resolución definitiva denegatoria” da pasteira.
Iglesias reaccionou así despois de que a empresa anunciase a presentación de alegacións contra o arquivo do proxecto. Segundo sinalou, este movemento evidencia a intención da multinacional de manter aberta de forma indefinida a tramitación dunha iniciativa que considera “inviable”, ao tempo que acusou á Xunta de evitar adoptar unha decisión definitiva sobre o fondo da cuestión.
A portavoz socialista reclamou ao Executivo autonómico medidas “efectivas” para disipar calquera sospeita de acordos coa empresa. Neste sentido, asegurou que existen “dúbidas fundadas” pola negativa do Goberno galego a adoptar decisións contrarias á compañía, pola falta de transparencia arredor do acordo asinado coa pasteira e pola retirada da protección ambiental da zona afectada.
Tamén lamentou que os feitos confirmen as advertencias realizadas anteriormente polo PSdeG, ao considerar que o arquivo do procedemento non resolve o problema de fondo nin impide que o proxecto poida reformularse e volver tramitarse no futuro. Por iso, insistiu en que Galicia precisa dunha decisión “firme e definitiva” e non dunha “paralización provisional”.
Iglesias sostivo que a inviabilidade do proxecto non depende unicamente da conexión eléctrica, senón tamén do impacto ambiental sobre a bacía do Ulla, do elevado consumo de auga, das emisións contaminantes, da afección ao modelo agrario e forestal, así como da súa falta de encaixe coa transición ecolóxica e do forte rexeitamento social existente.
Ademais, advertiu do risco de que a “actuación errática” da Xunta poida derivar nunha eventual reclamación de responsabilidade patrimonial con cargo aos recursos públicos galegos. A responsable socialista afirmou que Galicia “non pode permitir nin opacidade nin retrocesos na protección ambiental” para favorecer proxectos industriais que, segundo dixo, non acreditan o cumprimento do principio de non causar un dano significativo ao medio ambiente.
Entre as demandas formuladas polo Grupo Socialista inclúese a denegación inmediata da Autorización Ambiental Integrada, da concesión do aproveitamento de augas e de calquera outro permiso ou autorización sectorial vinculada ao proxecto.
Tamén reclamou que se faga público o memorando subscrito entre a empresa e o daquela conselleiro de Industria na súa condición de presidente da Sociedade Impulsa Galicia, ademais de pedir garantías de que a Xunta non asumirá con fondos públicos ningunha indemnización ou responsabilidade patrimonial derivada dunha eventual denegación do proxecto.
Finalmente, Iglesias solicitou a renuncia expresa á aplicación dos mecanismos de responsabilidade patrimonial previstos na Lei de Política Industrial de Galicia en relación con esta iniciativa industrial.