O PSdeG esixirá no Pleno da Deputación a execución dos fondos de vivenda e "poña fin ao abandono da provincia de Lugo"

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As e os socialistas levarán unha moción para reclamar á Xunta un plan de choque de construción de vivenda pública, mobilizar o patrimonio paralizado e crear unha bolsa para atender situacións de urxencia
pleno-ordinario-deputacion-lugo
23 Oct 2026

O Grupo Provincial Socialista levará ao Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará o martes no pazo de San Marcos, unha moción para esixir ao Goberno de Alfonso Rueda que execute de inmediato o orzamento de vivenda e poña en marcha un plan de choque de construción pública que responda ás necesidades da provincia. A voceira socialista, Pilar García Porto, denuncia que o PP mantén paralizados recursos económicos e vivendas mentres medran as dificultades da cidadanía para acceder a un fogar e se acumulan as solicitudes de protección oficial.

“Teñen o diñeiro enriba da mesa e non o gastan. Non é só que non constrúan: é que nin sequera poñen a disposición da cidadanía o que xa teñen”, critica García Porto. A voceira contrapón os anuncios do Executivo autonómico coa execución real dos recursos: segundo recolle a moción, a Xunta anunciou para 2026 un orzamento de 350 millóns de euros en vivenda, dos que 163 se destinaban a nova construción, pero a mediados de exercicio só executara arredor do 7% da partida de vivenda e retirara ou modificara preto de 70 millóns dun dos seus programas.

Para os socialistas, estes datos evidencian a distancia entre os titulares de Rueda e a resposta que reciben as persoas que necesitan unha vivenda. “O problema da vivenda en Galicia xa non é só de falta de planificación: é, sobre todo, un problema de falta de execución”, advirte Porto, que responsabiliza ao PP de non mobilizar os recursos dos que xa dispón para afrontar esta situación.

A iniciativa sitúa esta falta de resposta nunha política de abandono que se arrastra desde a etapa de Núñez Feijóo e que prexudicou especialmente a provincia de Lugo. Segundo os datos do IGE, entre 2005 e 2009, durante o Goberno do bipartito, construíronse en Galicia 14.652 vivendas protexidas, das que 3.561, case o 25%, corresponderon á provincia. Pola contra, entre 2010 e 2023, a cifra do conxunto de Galicia reduciuse a 5.869.

A caída da promoción de vivenda protexida contrasta coa demanda existente: actualmente hai 3.444 solicitudes no Rexistro Único da Xunta na provincia de Lugo. García Porto advirte de que, de manterse o ritmo de promoción pública da etapa de Touriño, “o parque de vivenda protexida de Galicia sería hoxe moi superior e o acceso á vivenda estaría menos tensionado”.

O Grupo Provincial Socialista cuestiona tamén a estratexia do PP de alimentar o medo entre os propietarios, que contribúe a reducir a oferta e a incrementar os prezos. Fronte a esa política, reclaman medidas que dean garantías ás dúas partes: “Precisamos un marco de alugueiros estable e contido, que dea seguridade ós inquilinos e ós propietarios”.

A moción esixe executar de inmediato o orzamento aprobado e elaborar un plan de choque de construción de vivenda pública que recupere, polo menos, os niveis do Goberno de Emilio Pérez Touriño. Reclama tamén poñer no mercado o patrimonio de vivenda pública inmobilizado na provincia e crear unha bolsa para atender situacións de urxencia, como os desafiuzamentos de familias vulnerables, persoas maiores ou persoas migrantes.

Ademais, o PSdeG pedirá o respaldo ás medidas dos concellos para controlar as vivendas turísticas que restan oferta ao mercado residencial e reclamará ao PP que apoie as medidas impulsadas polo Goberno de España para dar estabilidade aos contratos de alugueiro, frear a especulación e reducir os desafiuzamentos.

“Precisamos que a Xunta execute o orzamento que xa ten e recupere niveis dignos de promoción de vivenda protexida”, insiste García Porto, que esixe á dereita que “deixe de antepoñer os seus intereses partidarios e o seu apoio ás actividades especulativas, para defender o dereito constitucional de acceso a unha vivenda digna”.

0.14265203475952