O PSdeG esixirá no Pleno da Deputación de Lugo que a Xunta financie a rede provincial de residencias

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Demandarán tamén o desdobramento de infantil e profesorado suficiente no CEIP Virxe do Corpiño, onde denuncian que o PP incumpre as súas propias ratios e desatende a comunidade educativa
pleno-de-maio-deputacion-equipo-de-goberno
25 Sep 2026

O PSdeG levará ao vindeiro Pleno da Deputación, que se celebrará o martes no Pazo de San Marcos, dúas mocións para esixir á Xunta que asuma as súas responsabilidades na atención ás persoas maiores e na educación pública. Reclamará residencias de titularidade e xestión 100% públicas, financiamento para a rede provincial e os recursos docentes que demanda a comunidade educativa do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte.

A primeira moción reclama á Xunta que abandone a privatización como vía preferente na atención aos maiores, aposte por un modelo de residencias 100% público e asuma o financiamento que lle corresponde na atención residencial na provincia de Lugo.

A voceira socialista, Pilar García Porto, sinala que Lugo é unha das provincias máis avellentadas de Galicia -o 33,7% da súa poboación supera os 60 anos- e, ao mesmo tempo, a que conta con menos prazas residenciais da comunidade.

Porto lembra que “a atención ás persoas maiores e dependentes é, por lei, unha competencia da Xunta, pero o PP leva máis de dúas décadas sen construír unha soa residencia pública nesta provincia”. Ante ese baleiro, explica, a Deputación asumiu unha responsabilidade que non lle corresponde e hoxe conta con nove residencias públicas en funcionamento e outras oito en construción ou proxectadas, con 47 millóns de euros mobilizados entre 2019 e 2026.

O PSdeG contrapón este modelo -de titularidade, dirección e xestión públicas e prezos progresivos segundo a capacidade económica- ao plan de Rueda, que abre ata o 40% das prazas á xestión privada. Denuncia que a proposta autonómica non garante o acceso da veciñanza ás residencias no seu propio concello, non prevé obras antes de 2027 e non contempla ningún centro no municipio de Lugo.

Porto lembra que a Deputación achega arredor de 2,5 millóns de euros anuais á rede cun orzamento de 135 millóns para todas as súas competencias, mentres a Xunta dispón de 1.473 millóns só para servizos sociais. Por iso, a moción reclama unha transferencia finalista autonómica que cubra esa achega e máis investimento na creación e no sostemento de prazas públicas. Esixe tamén á Xunta que publique os criterios técnicos de selección dos concellos do novo plan, garanta a titularidade pública de todas as prazas e concrete orzamentos e datas de execución. Ademais, demanda unha colaboración leal coa Deputación, sen difundir informacións falsas sobre a rede provincial.

Apoio ás familias e ao colexio de Begonte

A segunda moción insta ao Goberno galego a atender as demandas da comunidade educativa do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, onde a falta de profesorado e a organización das aulas de infantil provocaron as protestas das familias. Para García Porto, “a situación de Begonte concentra unha sucesión de despropósitos en materia educativa difícil de igualar”. A voceira reprocha ao Goberno de Rueda que esgote a paciencia do alumnado, das familias e dos mestres.

O centro conta con 27 nenos e nenas de infantil distribuídos en dúas aulas multinivel de 3, 4 e 5 anos, cómputo que ascende a 29 ao aplicar o criterio correspondente ao alumnado con necesidades educativas especiais. O PSdeG denuncia que esta distribución supera as ratios fixadas pola propia Xunta e reclama recursos para desdobrar a etapa.

A formación considera especialmente grave que se lles trasladase presuntamente ás familias mobilizadas a intención de acudir á Fiscalía de Menores pola ausencia dos seus fillos e fillas ás clases. “Isto supón criminalizar uns pais e nais que só queren o mellor para os seus fillos e evidencia como o PP pretende instrumentalizar as institucións para darlle a volta á realidade e tapar as súas deficiencias de xestión”, denuncia Porto.

A proposta reclama profesorado suficiente, o desdobramento de infantil e un reforzo de Pedagoxía Terapéutica que garanta atención efectiva e suficiente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo en infantil e en primaria, sen desatender unha etapa para cubrir a outra.

Pilar García Porto enmarca ambas iniciativas nunha mesma política de abandono do PP: “Seguen a criticar o modelo de residencias da Deputación en lugar de cumprir coas súas competencias. Esta é a política social e educativa de Rueda: deixar que outras administracións sosteñan os coidados e obrigar as familias a mobilizarse para conseguir profesorado. Os dereitos non poden depender do concello no que se viva nin da cor política de quen o goberne”, conclúe.

0.14460396766663