O PSdeG organiza en Lugo a súa estrutura electoral de cara ás próximas Eleccións Xerais

O PSdeG-PSOE de Lugo xa ten definida a estrutura coa que organizará o próximo proceso electoral na provincia. A Comisión Xestora provincial da formación acordou a creación do Comité Electoral Provincial, que estará coordinado por Luis Ángel Lago Lage e terá como vicecoordinadora xeral a Silvia Rodríguez Díaz.
O novo órgano distribuirá o traballo en diferentes áreas para abordar a preparación electoral. Así, Ana González Abelleira, Roberto García Pernas, Roberto Fernández Rico, Patricia Otero, Vicente Parra e Darío Piñeiro encargaranse da coordinación territorial, mentres que Silvia Pigueiras asumirá a área institucional e Miguel Ángel Crende a sectorial.
A estrutura complétase con Ana Hortas e Raquel Toyos á fronte da comunicación; Rodrigo Pavón en administración e asesoría xurídica; Rafael García, Horacio Rouco e Eva Blanco na mobilización e no material de campaña; e Marina Ramudo e Diego Pena na organización dos actos públicos e do chamado día D.
Paralelamente, o PSdeG iniciou o procedemento para confeccionar as listas da provincia ao Congreso dos Deputados e ao Senado. As agrupacións municipais poderán presentar as súas propostas de candidatos e candidatas como primeiro paso dun proceso que terá unha nova fase o próximo 14 de outubro.
Nesa data reunirase o Comité Provincial para aprobar as candidaturas, que posteriormente deberán superar a última fase de validación. A decisión definitiva corresponderá ao Comité Federal do PSOE, que ten prevista a súa aprobación o 17 de outubro.