O PSdeG pide o voto dos pensionistas para blindar na Constitución a revalorización das pensións conforme ao IPC

As candidaturas do PSdeG ao Congreso e ao Senado por Lugo reuniron este martes arredor dun cento de persoas nun encontro con pensionistas na capital, no que reclamaron o apoio ao PSOE nas eleccións do 29 de novembro para blindar na Constitución o sistema público de pensións e garantir a súa revalorización anual conforme ao IPC. Patricia Otero e Jorge Bustos, números un e dous da lista ao Congreso, e César Mogo e Roberto Castro, candidatos ao Senado, defenderon a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de vincular a actualización das prestacións á evolución dos prezos.
Antes do encontro, Jorge Bustos advertiu de que nas eleccións do 29N "xogámonos moito" e criticou que a dereita cuestione a viabilidade da Seguridade Social, ademais de alertar das propostas da ultradereita para privatizar as pensións. "Non nos conformamos con revalorizar as pensións. Queremos blindalas na Constitución", afirmou, en defensa do dereito ao descanso das persoas que contribuíron durante toda unha vida laboral ao Estado do benestar.
Durante a reunión, os socialistas cuestionaron a credibilidade do compromiso de Alberto Núñez Feijóo de actualizar as pensións conforme ao IPC. Para iso, lembraron as declaracións da portavoz do PP no Congreso, Ester Muñoz, partidaria de cambiar o actual sistema porque, segundo afirmou, "va a petar". Tamén recordaron que o último Goberno popular, presidido por Mariano Rajoy, aplicou durante varios anos incrementos anuais de apenas o 0,25%.
As candidaturas puxeron en valor a contribución das máis de 24.000 persoas maiores de 65 anos que residen no concello de Lugo, tanto á construción da cidade como ao mantemento da actividade comercial e dos servizos. "Grazas ao voso esforzo, levantastes a cidade na que hoxe vivimos", sinalou Bustos, que agradeceu aos asistentes a súa implicación na defensa das pensións públicas. "Levades anos defendendo a dignidade nas rúas dos nosos barrios e das nosas parroquias", engadiu.
Entre as propostas presentadas figuran a mellora das pensións máis baixas e a ampliación da xubilación anticipada para as persoas que desempeñan traballos penosos ou teñen algunha discapacidade. O PSdeG tamén defendeu que as grandes empresas con beneficios que promovan expedientes de regulación de emprego asuman o custo das xubilacións anticipadas derivadas destes procesos.
A protección das pensións foi vinculada polos socialistas á defensa da sanidade pública e ao reforzo do Servizo de Axuda no Fogar. No ámbito da dependencia, defenderon que o Estado asuma o 50% do custo do sistema e as cotizacións á Seguridade Social das persoas que teñan que abandonar o seu emprego ou reducir a xornada para coidar dun familiar dependente. Ademais, recolleron a demanda veciñal de garantir a atención presencial nas administracións e nas entidades bancarias.
No encontro tamén participaron Miguel Fernández, voceiro socialista no Concello de Lugo e candidato á Alcaldía, e Martín Mejuto, candidato suplente ao Congreso. Ao remate, as candidaturas insistiron na importancia do voto das persoas pensionistas o 29N e reclamaron o apoio ao PSOE para garantir que a Constitución protexa o poder adquisitivo das persoas xubiladas e das que actualmente cotizan para a súa futura pensión, independentemente de quen goberne.