O PSdeG propón reforzar con medios municipais a loita contra a avespa velutina en Lugo

O Grupo Municipal Socialista de Lugo levará unha iniciativa para instar ao Goberno local a habilitar recursos municipais extraordinarios co obxectivo de reforzar a loita contra a avespa velutina no municipio. A portavoz adxunta do grupo, Ana González Abelleira, considera que a situación require unha actuación inmediata ante o que cualificou como a "absoluta pasividade" da Xunta de Galicia fronte a un problema que, segundo indicou, se intensifica cada verán tanto nas parroquias como nas zonas urbanas.
A concelleira advertiu de que a falta de actuación do Executivo autonómico está a provocar unha situación "especialmente preocupante" durante os meses de maior actividade desta especie invasora, coincidindo co incremento da presenza de persoas no medio natural, nas áreas recreativas, nos camiños e nos espazos públicos da zona rural.
Segundo González Abelleira, o modelo aplicado pola Xunta para combater a avespa velutina demostrou non ser eficaz, xa que os niños continúan aumentando, as intervencións prodúcense con demora e a sensación de abandono entre a veciñanza vai en aumento.
A edil lembrou que a competencia principal na loita contra esta especie corresponde á Xunta de Galicia, tanto na coordinación das actuacións como na planificación das campañas de prevención e retirada. Con todo, sostén que a gravidade da situación fai necesario que o Concello complemente cos seus propios medios un dispositivo autonómico que, ao seu xuízo, "non está dando resposta".
Neste contexto, o Grupo Municipal Socialista defenderá a creación dun dispositivo municipal específico para reforzar a detección e retirada de niños, especialmente nas parroquias, nas proximidades de vivendas, parques, áreas recreativas, centros educativos e zonas con maior afluencia de persoas durante o período estival.
A proposta socialista aposta por un modelo mixto que combine a creación dun equipo de traballo transversal integrado por distintos servizos municipais coa contratación dunha empresa especializada para executar os labores de erradicación da especie.
González Abelleira tamén puxo o foco nas consecuencias da expansión da avespa velutina sobre a biodiversidade e sobre sectores económicos como a apicultura. A concelleira advertiu de que esta especie invasora supón un risco para a seguridade das persoas, especialmente para aquelas que padecen reaccións alérxicas, ademais de provocar importantes danos ambientais e económicos.
A portavoz adxunta considera que esta situación evidencia unha falta de planificación por parte da Xunta de Galicia, ao tratarse dun problema recorrente e previsible que, ao seu xuízo, debería contar cun maior investimento en medios humanos e materiais destinados á súa erradicación.
Por último, reclamou ao Goberno municipal encabezado por Elena Candia que impulse de inmediato este reforzo dos recursos municipais e que reclame á Administración autonómica os medios que lle corresponden. Segundo sinalou, a mellor maneira de protexer á cidadanía pasa por actuar con previsión e evitar situacións de risco que poden previrse cunha planificación adecuada.