O PSdeG reclama á Xunta que cumpra con Lugo e execute a rehabilitación do Cuartel de San Fernando

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, esixiulle á Xunta que cumpra cos compromisos adquiridos coa cidade de Lugo e leve adiante a rehabilitación do Cuartel de San Fernando para a creación do Museo da Romanización. Méndez defendeu no Pleno unha proposición non de Lei coa que pretende desbloquear un proxecto histórico para a cidade que, segundo denunciou, o Partido Popular mantén paralizado desde o ano 2013.
A responsable socialista puxo o foco no incumprimento orzamentario do Goberno galego ao non executar os 500.000 euros incluídos nas contas de 2025 tras unha emenda do Grupo Socialista, que foi, lembrou, a única proposta da oposición aprobada para este fin. Méndez cuestionou que a Xunta teña intención real de executar a nova partida recollida no proxecto de orzamentos de 2026, ao entender que se trata dunha inclusión pensada unicamente para “lavar a cara” ante o clamor social existente en Lugo e evitar críticas públicas.
Neste sentido, criticou que no exercicio anterior o PSdeG rebaixara a súa emenda inicial, que ascendía a 2 millóns de euros, co obxectivo de acadar un acordo por medio millón, unha cantidade que finalmente quedou sen executar. Ademais, denunciou que 250.000 euros desa partida foron posteriormente retirados para destinalos ao bono alugueiro. Para Méndez, repetir agora unha dotación que cualificou de “irrisoria” e “testemuñal” responde unicamente á intención do PP de aparentar un compromiso inexistente coa cidade.
A viceportavoz socialista tamén puxo en dúbida a credibilidade do compromiso expresado pola Xunta e pola presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, ao lembrar que unha parte importante da representación popular se ausentou do acto conmemorativo dos 25 anos da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade para asistir a unha manifestación en Madrid. A seu xuízo, este xesto exemplifica a falta de sensibilidade co patrimonio lucense.
Méndez concluíu denunciando a “visión curtopracista” e a ausencia de planificación a longo prazo por parte do Goberno galego, ao que acusou de manter o proxecto do Museo da Romanización bloqueado durante anos, chegando mesmo a intentar modificar o seu destino para construír un Parador, o que contribuíu, segundo afirmou, a paralizar completamente unha iniciativa clave para a cidade.