O PSdeG reivindica o investimento en educación pública e investigación para reter talento no rural lucense

Os candidatos do PSdeG ao Congreso por Lugo Patricia Otero e Jorge Bustos reivindicaron o investimento en educación pública, formación e transferencia de coñecemento como prioridades do proxecto socialista de cara ás eleccións do 29 de novembro. Fixérono durante unha visita ao Hospital Universitario Veterinario Rof Codina, onde defenderon estas políticas como ferramentas para reter talento, ofrecer oportunidades á mocidade e impulsar o desenvolvemento do rural lucense.
Jorge Bustos destacou o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa educación pública e asegurou que durante o último mandato se duplicou o investimento neste ámbito respecto ao anterior Executivo de Mariano Rajoy. Tamén puxo como exemplo o labor da Deputación de Lugo, presidida por Carmela López, que destinou preto de 1,62 millóns de euros a convenios de colaboración educativa entre 2023 e 2026, ademais de ceder parcelas e edificios.
O candidato salientou a contribución destes recursos ao Campus Terra, que considerou un referente na investigación e na transferencia de coñecemento nos ámbitos agroalimentario e forestal. Como exemplo, citou o convenio de preto de 380.000 euros asinado pola Deputación en 2026, que abrangue accións de divulgación científica, investigación, transferencia de coñecemento, mellora de instalacións e prácticas curriculares.
Bustos tamén destacou o papel da Granxa Gayoso Castro na formación práctica, unha iniciativa que este ano ofrece oportunidades de prácticas a preto de 1.500 alumnos e alumnas, especialmente en ámbitos nos que resulta máis complicado atopar este tipo de experiencias. "Lugo aposta pola súa xuventude, pola formación e por reter o talento", afirmou.
Pola súa banda, Patricia Otero puxo en valor o traballo do Hospital Universitario Veterinario Rof Codina e defendeu a continuidade da colaboración entre administracións para garantir o seu funcionamento. A candidata considerouno un referente europeo e vinculou o apoio ao centro coa importancia do sector veterinario para o rural galego.
Otero lembrou tamén o traballo desenvolvido no Congreso sobre os retos presentes e futuros da profesión veterinaria, con cuestións como a formación e a prescrición. Segundo explicou, as conclusións non puideron aprobarse pola disolución das Cortes, pero os socialistas prevén retomar este traballo e incorporar as achegas do hospital lucense.
Máis de oito millóns para mellorar as conexións 5G en Galicia
Durante a visita, Otero destacou tamén a proposta de resolución do programa "5G Redes muy rurales", publicada polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, que prevé máis de oito millóns de euros de investimento en Galicia, con preto de cinco millóns en axudas públicas.
A candidata sinalou que Galicia é a segunda comunidade con máis fondos previstos, por detrás de Murcia, e que a proposta inclúe oito puntos de instalación en sete concellos lucenses: Folgoso do Courel, Guntín, Lugo, O Vicedo, Palas de Rei, Triacastela e Vilalba. Otero considerou que a iniciativa permitirá mellorar as conexións da veciñanza e asegurou que demostra o compromiso do Goberno central co rural.
Preguntado polo inicio da campaña electoral, Jorge Bustos valorou a resposta da cidadanía e asegurou que os socialistas reciben "agarimo e forzas para seguir pelexando por revalidar este Goberno e conseguir ese segundo deputado por Lugo".