O PSdG cuestiona o proxecto de Altri, afirmando que é un "proxecto político, non estratéxico"

LugoXa
A viceportavoz socialista advertiu sobre a “viabilidade económica máis que dubidosa” do proxecto, que precisa de 250 millóns de euros “a fondo perdido”
Lara Méndez PSOE
19 Mar 2025

O portavoz do Grupo Socialista de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reclamará ao presidente da Xunta que compareza no Parlamento para explicar o seu “apoio pechado” ao proxecto de Altri en Palas de Rei.

A viceportavoz, Lara Méndez, pola súa parte, denunciou os “bandazos” do goberno galego respecto deste proxecto, que, segundo afirmou, “evidencian o que sempre dixemos: é un proxecto político, non estratéxico”. Criticou a “opacidade” coa que se está a xestionar a iniciativa e asegurou que a Xunta actúa como “axente comercial da empresa mentres agocha información”.

A viceportavoz socialista advertiu sobre a “viabilidade económica máis que dubidosa” do proxecto, que precisa de 250 millóns de euros “a fondo perdido” sen garantías claras de retorno nin de xeración de emprego estable. Censurou que o executivo galego pretenda desvincularse da responsabilidade económica mentres foi quen declarou o proxecto como estratéxico “sen ningunha explicación” e con cambios constantes nas súas características.

Méndez acusou ao presidente da Xunta de aplicar unha “dobre vara de medir” ao favorecer Altri sen transparencia e cuestionou se existen “intereses partidistas ou amiguismos” detrás do apoio institucional. Lembrou que o proxecto, que comezou como unha planta téxtil na Mariña con promesas de 2.500 empregos, rematou convertido nunha pasteira en Palas de Rei con menos de 500 postos.

Ademais, apuntou ás numerosas incertezas medioambientais que aínda rodean o proxecto, pendente de informes de Augas de Galicia e da avaliación conforme aos principios europeos de protección do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.33758091926575