O PSdG propón unha declaración institucional en Lugo polo Día Internacional do Orgullo LGTBI 2026

O Grupo Municipal Socialista rexistrou unha proposta de declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI 2026, que tamén trasladará á próxima Xunta de Voceiros co propósito de conseguir o apoio de todas as formacións políticas con representación na Corporación municipal e lograr a súa aprobación por unanimidade no pleno ordinario deste mes de xuño.
A concelleira socialista Ángeles Novo explicou que a iniciativa pretende que o Concello de Lugo "reafirme de maneira firme e inequívoca o seu compromiso coa pluralidade, os dereitos fundamentais e a igualdade efectiva de todas as persoas, sen distinción por orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero ou características sexuais".
Novo puxo en valor o recente recoñecemento recibido por España por parte de ILGA-Europe como o país máis avanzado de Europa en materia de dereitos e políticas LGTBIQ+, unha posición que, segundo indicou, responde a "anos de progreso social e normativo impulsado por gobernos progresistas e polo traballo constante dos colectivos e activistas que abriron camiño na defensa dos dereitos".
A representante socialista lembrou algúns avances considerados históricos, entre eles a aprobación do matrimonio igualitario, o recoñecemento legal das familias diversas, a protección dos dereitos reprodutivos das mulleres lesbianas ou a entrada en vigor da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e a garantía dos dereitos das persoas LGTBIQ+. "Son conquistas sociais que converteron España nun referente internacional e que debemos preservar fronte a calquera intento de involución", afirmou.
A proposta presentada polo grupo socialista tamén destaca o papel esencial desempeñado polo tecido asociativo LGTBIQ+ tanto a nivel galego como local, especialmente no ámbito da sensibilización cidadá, a defensa dos dereitos e o acompañamento de persoas que sofren situacións de discriminación.
"Este recoñecemento internacional supón un motivo de satisfacción, pero non pode levarnos á autocompracencia", advertiu Novo. "A igualdade real continúa construíndose día a día nas rúas, nos centros educativos, nos espazos deportivos, no mercado laboral, nos servizos públicos e tamén desde o ámbito municipal. Aínda existen persoas que atopan obstáculos para vivir con liberdade a súa identidade ou orientación sexual, e as administracións temos a responsabilidade de actuar".
Neste contexto, a edil socialista tamén advertiu sobre o incremento dos discursos de odio e dos intentos de cuestionar dereitos xa consolidados. "Ao mesmo tempo que a sociedade continúa avanzando, tamén aparecen correntes reaccionarias que tentan utilizar a diversidade como elemento de confrontación política. Ante esta situación, as institucións democráticas non poden adoptar unha posición neutral", sinalou.
Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista considera fundamental que esta declaración institucional sexa asumida polo Goberno local e polo conxunto da Corporación municipal nos termos nos que foi redactada, atendendo ás demandas expresadas polos colectivos LGTBI e mantendo unha posición clara na defensa da igualdade.
"Solicitaremos ao Goberno local o apoio a este texto sen modificacións, sen matizacións e sen ambigüidades. Lugo debe continuar avanzando e non pode permitir ningún retroceso na defensa dos dereitos e da igualdade. O Orgullo non representa unicamente unha celebración, senón tamén un compromiso institucional coa liberdade, a dignidade e a inclusión social", concluíu Ángeles Novo.
A declaración remata cun acordo único polo que o Concello de Lugo reafirmaría o seu compromiso unánime cos dereitos das persoas LGTBIQ+, coa igualdade efectiva, coa diversidade familiar e coa inclusión plena, rexeitando expresamente calquera expresión de odio ou discriminación dentro do municipio.