O PSOE acusa á alcaldesa de Rábade de pedir melloras en instalacións "que non permitiu votar no pleno"

LugoXa | TerraChaXa
Alejandro Martínez critica que “teña a cara” de pedir actuacións no campo de fútbol e no pavillón municipal logo de negarse a debater a proposta socialista na que se solicitaban
pavillon-rabade-desperfectos
17 Jun 2026

O PSdeG de Rábade acusou á alcaldesa do PP, Remedios González, de “ter moi pouca vergoña” ao solicitar á Deputación de Lugo melloras no campo de fútbol e no pavillón municipal, despois de impedir, hai apenas uns días, o debate e votación da proposta socialista que reclamaba actuacións nesas mesmas instalacións, e que de xeito “autoritario e prepotente” impediu tratar no Pleno da corporación.

O voceiro socialista no concello, Alejandro Martínez, lembrou que o PP converteu nun rogo a moción presentada en tempo e forma polo PSdeG, unha iniciativa que precisamente pedía arranxos na pista e nos vestiarios do pavillón municipal, a habilitación dun segundo vestiario no campo de fútbol e a busca de colaboración doutras administracións, Xunta e Deputación, para poder financiar estas melloras.

“Que saian agora reclamando estas actuacións cando hai apenas uns días impediron a súa votación no Pleno é unha auténtica desvergoña. Non fan nada pola veciñanza e pretenden tomarlle o pelo aos veciños e veciñas de Rábade. Tres anos de goberno e alcaldía de seca inversora, con cero investimentos do concello e da xunta do PP”, denunciou Martínez.

No que respecta á rúa Bautista Núñez, o PSdeG criticou que a alcaldesa tenta vender como propia a licitación destas obras cun “descaro e desvergoña absolutos”. Esta necesidade da veciñanza foi trasladada polos socialistas á Presidenta da Deputación, Carmela López, na reunión mantida o pasado mes de maio, na que se abordou o acondicionamento da vía e a mellora da seguridade viaria.

“A rúa Bautista Núñez foi unha prioridade que levamos á Deputación. Hai que ter moita cara para intentar apropiarse agora desta obra cando levan tres anos gobernando no Concello e non investiron nada, absolutamente nada, nin dende o Concello nin dende a Xunta. Un paseo fotográfico non chega para tapar tal desvergoña”, engadiron.

Martínez incidiu en que os investimentos que chegan a Rábade “veñen da man dos gobernos progresistas”, grazas á Deputación de Lugo e ao Goberno de España. Neste sentido, lembrou que a institución provincial leva investidos 258.000 euros nas instalacións deportivas do municipio, con 200.000 euros para a renovación integral do campo de fútbol e 58.000 euros para a construción dos vestiarios, ademais das achegas do Plan Deputación en obras e servizos (máis de 600.000 euros nos 3 anos) e da colaboración en outras infraestruturas municipais.

“A esta alcaldesa só lle queda sacarse fotos coa nova pasarela de ADIF, coa rúa Bautista Núñez ou co campo de fútbol e dicir que foi grazas á súa entrega e traballo. Pero a realidade é outra: o PSdeG propón, busca financiamento e consegue compromisos reais e efectivos. Aí están os resultados para velos. O PP leva tres anos de inoperancia, mentiras e total abandono do concello, moita foto, moito convite e ningunha xestión”, concluíu o voceiro socialista.

0.14501214027405