O PSOE acusa a Candia de "improvisación" por chegar a finais de agosto sen a brigada contra incendios operativa

LugoXa
Os socialistas cuestionan a adscrición temporal dun funcionario como xefe do dispositivo e reclaman explicacións sobre o procedemento empregado polo Goberno local
incendio-Orbazai-Lugo-26
27 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista de Lugo criticou a xestión do Goberno de Elena Candia pola situación da brigada municipal contra incendios forestais, que, segundo denuncia a formación, continúa sen estar oficialmente constituída a finais de agosto, cando Galicia atravesa o período de maior risco de incendios.

A portavoz adxunta do PSOE, Ana González Abelleira, reclamou á alcaldesa explicacións sobre os motivos polos que o dispositivo anunciado polo Goberno local como unha das súas prioridades non está aínda en funcionamento. A socialista cualificou de "auténtica chapuza" a solución adoptada para cubrir a xefatura da brigada mediante a adscrición temporal dun funcionario municipal.

Segundo explicou o PSOE, a persoa que pasou a asumir temporalmente estas funcións xa desempeñaba a xefatura doutro servizo municipal e fora responsable anteriormente do proceso selectivo para cubrir a propia xefatura da brigada. Para González Abelleira, esta decisión xera dúbidas tanto sobre o procedemento como sobre as garantías da elección.

"Estamos falando dunha cuestión que afecta á seguridade no medio rural e non dun xogo político para mellorar a súa imaxe", afirmou a portavoz socialista, que pediu ao Goberno local que explique como se adoptou a decisión e que garantías xurídicas a sustentan.

Un dispositivo que segue sen estar constituído

O PSOE relaciona a situación actual coas dificultades que atopou o Concello para cumprir o compromiso de crear a brigada tras a moción de censura. A persoa que inicialmente fora seleccionada para ocupar a xefatura abandonou o proceso para incorporarse ao dispositivo doutro concello, mentres que outras alternativas de contratación tampouco chegaron a prosperar.

Ante estas dificultades, o Concello recorreu á adscrición temporal dun funcionario para cubrir a xefatura. Porén, os socialistas destacan que esta decisión non se traduciu aínda na constitución efectiva da brigada.

"Non estamos ante un problema administrativo menor. Estamos falando de prevención e extinción de incendios forestais", sinalou González Abelleira, que considerou insuficiente unha solución temporal para un servizo que, ao seu xuízo, require persoal estable, especializado e dispoñible.

A formación socialista tamén lembrou que o anterior Goberno municipal decidira non constituír esta brigada tras analizar o modelo establecido pola Xunta. O sistema autonómico contempla equipos de cinco persoas, integrados por un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns, con contratos de aproximadamente tres meses, entre xullo e outubro.

Segundo o PSOE, esta fórmula dificulta a contratación e provoca que diferentes concellos compitan polo mesmo persoal durante un período moi limitado.

Críticas ao modelo da Xunta

Os socialistas consideran que as dificultades para poñer en marcha a brigada municipal de Lugo forman parte dun problema máis amplo relacionado co modelo de prevención e extinción de incendios forestais existente en Galicia.

González Abelleira sinalou que o número de brigadas municipais pasou de 263 en 2016 a 151 en 2023 e indicou que nese último ano 78 concellos gobernados polo Partido Popular non chegaron a constituír os seus dispositivos.

A portavoz socialista tamén cuestionou a formación prevista para este tipo de persoal e advertiu de que unha preparación presencial de pouco máis de 16 horas pode resultar insuficiente para afrontar incendios de gran intensidade.

"O problema non é que Lugo non queira colaborar na prevención. O problema é que a Xunta pretende que os concellos asuman mediante convenios temporais e precarios unha responsabilidade que debe estar sustentada por un servizo público profesional, estable e suficientemente dotado", afirmou.

Por este motivo, o PSOE reclamou á Xunta de Galicia unha reforma do actual sistema para avanzar cara a un modelo profesionalizado e estable, con persoal formado, medios suficientes e capacidade de actuación durante todo o ano.

A formación considera especialmente necesario reforzar a prevención ante a evolución dos incendios forestais e a aparición de lumes máis rápidos e difíciles de controlar. Neste sentido, defende que os dispositivos deben estar preparados para responder tamén aos denominados incendios de quinta e sexta xeración.

O PSOE reclama preparación durante todo o ano

González Abelleira insistiu en que a prevención dos incendios non debería limitarse aos meses de maior risco e reclamou estruturas permanentes capaces de actuar durante todo o ano.

"Non podemos afrontar os incendios do século XXI con estruturas fragmentadas, contratos de tres meses e dispositivos improvisados. Necesitamos un modelo preparado para os incendios de quinta e sexta xeración e para unha realidade climática que xa non é a de hai vinte anos", afirmou.

O Grupo Municipal Socialista tamén acusou a alcaldesa de utilizar o debate sobre a brigada como unha cuestión de confrontación política co anterior Goberno municipal e reclamou que se priorice a preparación do municipio fronte ao risco de incendios.

"Candia debe deixar de utilizar a prevención de incendios como unha batalla política contra o anterior Goberno e empezar a preocuparse polo que realmente importa: que Lugo estea preparado para protexer o seu rural e os seus veciños e veciñas", concluíu González Abelleira.

0.15084886550903