O PSOE acusa a Elena Candia de bloquear o pagamento de máis de 2,7 millóns de euros a provedores municipais

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, acusou ao Goberno local de manter bloqueado o pagamento de máis de 2,7 millóns de euros correspondentes a 542 facturas pendentes de aboar a provedores municipais, unha situación que, segundo advertiu, está a provocar un importante prexuízo tanto para empresas e profesionais como para a economía local.
A edil socialista responsabilizou directamente á alcaldesa, Elena Candia, de non impulsar o procedemento administrativo necesario para permitir a imputación orzamentaria das facturas e proceder ao seu pagamento. Segundo afirmou, a existencia dun reparo de legalidade non pode servir de escusa para paralizar indefinidamente estes expedientes, xa que a normativa contempla os mecanismos necesarios para resolvelos.
González Abelleira asegurou que o Concello non pode deixar sen cobrar a empresas e autónomos que xa prestaron servizos á Administración e advertiu de que estes atrasos poden afectar á liquidez dos negocios, ao pagamento de salarios, aos investimentos e á continuidade da súa actividade.
A portavoz socialista cualificou de "absolutamente intolerable" a situación e sostivo que cada día que pasa sen resolver este asunto supón un novo prexuízo para os provedores municipais, que, ao seu xuízo, non deben asumir as consecuencias da falta de decisión política do Goberno local.
A concelleira criticou tamén a intención do Executivo de levar esta cuestión ao Pleno mediante unha proposición política. Na súa opinión, trátase dunha competencia que debe resolverse a través dos procedementos administrativos previstos pola lexislación e non mediante unha votación política.
Neste sentido, acusou á alcaldesa de intentar compartir co resto dos grupos municipais, e mesmo coa concelleira non adscrita, unha responsabilidade que considera exclusivamente do Goberno local. "Non se pode utilizar unha votación política para substituír o procedemento administrativo correspondente", sostivo.
González Abelleira lembrou ademais que o Partido Popular criticou durante o anterior mandato os reparos de legalidade utilizados polo Goberno municipal e afirmou que agora, desde a Alcaldía, comproba que gobernar implica asumir decisións e tramitar os expedientes necesarios para resolver este tipo de situacións.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista instou a Elena Candia a desbloquear de inmediato a tramitación das 542 facturas pendentes, actuar "con absoluta transparencia e rigor" e garantir que os provedores municipais cobren polos servizos prestados. A edil concluíu reclamando á alcaldesa que deixe de buscar "escusas" e resolva unha situación que afecta directamente a empresas e profesionais que traballan para o Concello.