O PSOE acusa á Xunta e ao PP de bloquear o Museo da Romanización e outros proxectos en Lugo

LugoXa
O PSdeG denuncia unha “discriminación prolongada” mentres o Concello reclama a posta en marcha dun proxecto preparado desde hai anos
Besteiro_Fernandez_Bustos-psoe-Lugo
29 Apr 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou en Lugo o bloqueo “constante” do Partido Popular sobre os grandes proxectos da cidade nos últimos anos e sinalou o Museo da Romanización como o exemplo máis claro do que cualifica como unha “discriminación” da Xunta de Galicia que se prolonga case unha década.

Besteiro compareceu xunto ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, diante do Cuartel de San Fernando, o edificio do século XVIII chamado a acoller este museo, que segue sen poñerse en marcha malia que, segundo o Concello, todo está preparado desde hai anos.

O líder socialista afirmou que a falta de apoio político explica, ao seu xuízo, a ausencia de resultados electorais do PP na cidade durante máis de dúas décadas e sinalou directamente á persoa que inspira a moción de censura municipal, en referencia a Elena Candia, á que acusou de permanecer “caladiña” no Parlamento galego mentres se aprobaban orzamentos sen partidas suficientes para o proxecto.

Besteiro defendeu o Museo da Romanización como unha infraestrutura “absolutamente vital” para Lugo e para o conxunto de Galicia, cunha dimensión cultural e turística estratéxica, e criticou que a Xunta non impulsase o proxecto con maior intensidade nos últimos dez anos.

O secretario xeral do PSdeG comparou esta situación co atraso histórico doutros proxectos como o Plan Paradai e acusou ao PP de manter unha estratexia de bloqueo que, segundo dixo, supuxo unha perda de tempo para a cidade. Tamén asegurou que o seu partido seguirá traballando por todos os proxectos que beneficien a Lugo “desde o goberno, a oposición ou o ámbito individual”.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reiterou as críticas á Xunta polo que considera un incumprimento prolongado en relación co Museo da Romanización. Lembrou que o Concello ten listo o edificio, declarado BIC, e un fondo de preto de 25.000 pezas arqueolóxicas á espera dun espazo adecuado para a súa exhibición.

Fernández cuestionou tamén a distribución dos investimentos autonómicos e denunciou que mentres se destinan fondos a outros proxectos en Galicia, o Museo de Lugo conta con partidas que cualificou de insuficientes e que, segundo dixo, non chegan a executarse.

O rexedor enmarcou esta situación nunha lista máis ampla de proxectos pendentes, como a calzada das Gándaras, a Serra de Meira, a conexión coa A-6 ou a Ronda Leste, ademais do canon da auga, que segundo afirmou supón uns 15 millóns de euros achegados pola veciñanza sen retorno directo na cidade.

Fernández concluíu apelando ao apoio cidadán e asegurou que a reclamación do Museo da Romanización continuará independentemente da situación política, ao consideralo unha infraestrutura “imprescindible” para o desenvolvemento de Lugo.

0.12754106521606