O PSOE acusa ao Goberno local de desvirtuar a Estratexia Novo Norte ao financiar con fondos europeos proxectos xa orzamentados

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Jorge Bustos, acusou ao Goberno local de "desvirtuar completamente" a Estratexia Novo Norte ao pretender financiar con fondos europeos actuacións que, segundo asegura, xa estaban previstas nos orzamentos municipais, como o novo aparcadoiro do polígono do Ceao.
O edil considera que esta decisión evidencia "unha absoluta falta de visión estratéxica" e converte un programa europeo deseñado para transformar a zona norte da cidade nun mecanismo para aliviar o gasto ordinario do Concello. Segundo indicou, esta forma de actuar "bota por terra o traballo de máis de sete servizos municipais" que participaron na elaboración da estratexia impulsada polo anterior Goberno local, coa que Lugo conseguiu máis de oito millóns de euros de financiamento europeo competindo con outras cidades do Estado.
Bustos sostén que a Estratexia Novo Norte foi concibida para impulsar actuacións capaces de transformar estruturalmente a cidade, mellorando a mobilidade, os espazos públicos, a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade e a competitividade económica.
Ao seu xuízo, os fondos europeos deben complementar o investimento municipal e non substituílo. Por iso, critica que o Executivo de Elena Candia pretenda destinar estes recursos a actuacións que xa contaban con financiamento propio, o que, na súa opinión, permitiría liberar fondos municipais para outros proxectos de menor alcance.
O concelleiro puxo como exemplo o aparcadoiro do Ceao, unha infraestrutura que, segundo lembrou, fora incorporada aos orzamentos polo anterior Goberno municipal para executarse con recursos propios. Na mesma liña situou a reforma das naves municipais da Milagrosa, unha actuación que considera allea aos obxectivos cos que foi deseñada a Estratexia Novo Norte.
Bustos recordou que entre os proxectos inicialmente previstos figuraban iniciativas como a transformación da avenida da Coruña nun gran bulevar urbano, a mellora das conexións da segunda rolda, a creación de novos espazos públicos, a humanización da contorna urbana e o impulso dun modelo de mobilidade máis sostible.
Finalmente, o edil socialista reclamou ao Goberno local que rectifique e respecte a filosofía coa que foi aprobada a estratexia, ao considerar que os fondos europeos representan unha oportunidade única para acometer transformacións estruturais na cidade.