O PSOE acusa ao Goberno local de Lugo de non actuar ante os avisos de seca

LugoXa
Os socialistas aseguran que o Concello recibiu hai case un mes unha advertencia da Confederación Hidrográfica e reclaman medidas de aforro e concienciación cidadá
leito-baixo-do-río--Miño-Lugo
4 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista de Lugo denunciou a falta de resposta do Goberno local ante os avisos da Confederación Hidrográfica sobre o risco de seca, ao considerar que o Concello deixou pasar varias semanas sen impulsar medidas preventivas nin campañas de sensibilización para promover un uso responsable da auga.

O concelleiro socialista Jorge Bustos lembrou que o pasado 7 de xullo a Confederación Hidrográfica trasladou aos concellos unha comunicación na que alertaba da diminución das precipitacións e recomendaba adoptar actuacións orientadas a garantir o abastecemento, así como poñer en marcha medidas de aforro e concienciación cidadá.

Segundo sinalou, mentres outros municipios galegos xa activaron iniciativas para facer fronte á situación, en Lugo non se puxo en marcha ningunha campaña pública nin se anunciaron actuacións destinadas a reducir os consumos non prioritarios. Bustos asegurou que cidades como Vigo, Baiona ou Ferrol xa adoptaron medidas preventivas e fixeron chamamentos á veciñanza para favorecer un consumo máis responsable da auga.

Desde o PSOE consideran que a prevención debe ser a principal ferramenta para afrontar episodios deste tipo e lembran que en anteriores mandatos municipais se impulsaban campañas informativas e recomendacións públicas antes de que a situación se agravase. Ao seu xuízo, a situación actual require unha resposta institucional baseada na anticipación e na planificación.

Os socialistas insisten en que a situación de prealerta non debe xerar alarma social, pero si unha actuación responsable por parte das administracións. Por este motivo, reclaman ao Executivo local que active canto antes medidas de aforro, campañas de sensibilización e actuacións que contribúan a garantir un uso sostible dos recursos hídricos.

0.12553691864014