O PSOE acusa ao Goberno local de Portomarín de falta de transparencia sobre os problemas da auga

LugoXa
Os socialistas fan balance do último Pleno, no que se aprobaron medidas sobre o abastecemento pero foron rexeitadas as propostas relativas ao Campo da Festa e ás pistas municipais
PSOE-Portomarín-pleno
2 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín realizou unha valoración do último Pleno ordinario, no que se abordaron tres iniciativas impulsadas polo PSdeG centradas en cuestións que consideran prioritarias para a veciñanza: os problemas vinculados ao abastecemento de auga, o estado do Campo da Festa e a situación de varias pistas municipais das parroquias.

Durante o debate da moción relativa ao abastecemento, que finalmente foi aprobada co apoio do PP, o portavoz socialista, Sergio Vázquez, criticou a actitude mantida polo alcalde durante a sesión plenaria. Segundo indicou, o rexedor interrompeu en repetidas ocasións as intervencións e tratou de impedir que o grupo socialista explicase unha situación que, segundo defenden, afecta de maneira directa aos veciños e veciñas do municipio.

Vázquez tamén respondeu ás acusacións do alcalde, que reprochara ao PSdeG levar este asunto ao ámbito político. O portavoz asegurou que a súa formación limitouse a presentar unha proposta coa intención de colaborar e impulsar solucións para un problema que, ao seu xuízo, leva demasiado tempo sen resolverse.

Ademais, cualificou de contraditoria a postura do Partido Popular, ao considerar incompatible que se asegurase que a moción contiña información falsa e que posteriormente se apoiase coa votación favorable. O socialista sinalou que a preocupación veciñal continúa aumentando e lembrou a recollida de sinaturas impulsada arredor desta problemática, indicando que a crecente demanda de explicacións provocou unha maior presión sobre o Goberno local.

Nesa liña, lembrou que este mesmo asunto xa fora levado ao Pleno durante o ano 2024 e que naquela ocasión o PP rexeitara a iniciativa. Segundo afirmou, o cambio de posición responde á presenza de veciñanza na sesión e ao incremento da presión social, algo que, ao seu entender, evidencia a importancia da participación cidadá. Vázquez animou tamén aos veciños e veciñas a asistir ás sesións plenarias para coñecer de primeira man o funcionamento municipal e as propostas que se debaten.

Os socialistas reclaman agora que se execute o acordado e que se entregue a documentación solicitada polo grupo municipal. Entre esa información inclúense as analíticas da auga, o proxecto anunciado polo alcalde e as comunicacións realizadas con outras administracións para solicitar apoio económico. Segundo denunciaron, polo momento non recibiron resposta a estas peticións.

No mesmo Pleno, o Partido Popular rexeitou tamén a proposta socialista destinada á reparación e mellora integral do Campo da Festa. Vázquez lamentou que se minimizase a situación do espazo, asegurando que o seu estado require actuacións de limpeza, mantemento e reparación.

A maiores, a formación popular votou en contra da iniciativa presentada para mellorar varias pistas municipais situadas nas parroquias. Segundo explicou o portavoz socialista, o argumento empregado foi que existen outras vías en peores condicións e que estas actuacións non eran urxentes. Para Vázquez, esta resposta evidencia unha falta de planificación e unha escasa atención ás necesidades do rural.

O portavoz do PSdeG definiu o desenvolvemento da sesión plenaria como unha mostra da dinámica habitual do Executivo local, ao considerar que o Goberno municipal se mostra incómodo cando a oposición leva ao debate cuestións que afectan directamente á veciñanza.

Vázquez concluíu asegurando que o grupo socialista valora positivamente a aprobación da moción relacionada coa auga, aínda que advertiu de que continuará reclamando explicacións, acceso á documentación e responsabilidades ata que esta problemática quede definitivamente resolta.

0.13290596008301