O PSOE acusa ao Goberno local de renunciar á transformación da zona norte de Lugo

LugoXa
Miguel Fernández critica o uso dos fondos europeos para financiar actuacións xa previstas e reclama recuperar a Estratexia Novo Norte
PSOE-Avenida-da-Coruña-Novo-Norte-Lugo
27 Jul 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista en Lugo, Miguel Fernández, cualificou de "gravísimo erro estratéxico" a decisión do Goberno local de modificar o destino dos fondos europeos previstos para a Estratexia Novo Norte e empregalos en actuacións que, segundo sostén, xa estaban contempladas no orzamento municipal, como o aparcadoiro do Ceao ou a reforma das naves municipais da Milagrosa.

Fernández asegurou que esta decisión supón perder "unha oportunidade histórica" para transformar a zona norte da cidade, que definiu como o ámbito máis poboado de Lugo e un dos que presenta maiores necesidades de modernización urbana. Por iso, reclamou á alcaldesa, Elena Candia, que rectifique e recupere o proxecto inicialmente previsto.

O portavoz socialista defendeu que a finalidade dos fondos europeos debía ser impulsar actuacións estruturais que o Concello dificilmente podería asumir unicamente con recursos propios. Ao seu xuízo, empregar estes recursos para financiar proxectos xa incluídos nas contas municipais non incrementa o investimento na cidade, senón que unicamente cambia a súa procedencia.

Neste sentido, lembrou que o proxecto do aparcadoiro do Ceao foi impulsado polo anterior Goberno local e xa contaba con financiamento municipal. Segundo indicou, destinar agora fondos europeos a esa actuación libera recursos do orzamento para outros fins, pero supón renunciar ao obxectivo inicial da Estratexia Novo Norte.

Miguel Fernández mostrou tamén a súa preocupación pola paralización da transformación da Avenida da Coruña, unha actuación que definiu como un dos proxectos urbanísticos máis ambiciosos dos últimos anos. O plan contemplaba converter esta vía nun gran bulevar urbano, ampliando o espazo para os peóns, mellorando a accesibilidade, incrementando as zonas verdes e favorecendo a actividade comercial.

O líder socialista considera que esta actuación debía complementarse coa culminación da Segunda Rolda, mediante a eliminación do denominado tapón urbanístico da contorna de Dona Urraca e coa conexión entre Escultor Asorei e a rúa Amizade, actuacións que permitirían redistribuír o tráfico e facilitar a transformación da Avenida da Coruña nun espazo máis amable para a cidadanía.

Fernández advertiu de que abandonar esta planificación suporá manter os problemas actuais da zona norte, con déficit de zonas verdes, espazos públicos e unha mobilidade adaptada a modelos de tráfico do pasado. Ademais, acusou ao Executivo local de actuar por confrontación política co anterior Goberno.

Segundo afirmou, o máis preocupante non é só a paralización do proxecto, senón a ausencia dunha alternativa para a transformación urbana da zona norte. Neste contexto, reivindicou a folla de ruta impulsada polo anterior Executivo, baseada na mobilidade sostible, a recuperación do espazo público e a mellora da calidade de vida.

O portavoz socialista concluíu reclamando á alcaldesa que adopte unha visión a longo prazo e aproveite os fondos europeos para impulsar actuacións transformadoras. Ao seu xuízo, renunciar á Estratexia Novo Norte supón perder unha oportunidade que dificilmente volverá presentarse nas próximas décadas e limita as posibilidades de desenvolvemento futuro da cidade.

0.12397408485413