O PSOE acusa ao PP de deixar Monterroso sen residencia para maiores "tras catro anos de promesas"

LugoXa
O voceiro socialista lembra que Eloy Pérez anunciou en 2022 o compromiso de financiamento da Xunta e esíxelle explicacións pola exclusión do municipio do novo plan autonómico
Rafael-García-PSOE-Monterroso
16 Sep 2026

O voceiro do PSdeG de Monterroso, Rafael García, acusou hoxe ao PP de incumprir as súas promesas sobre a residencia de maiores e de intentar responsabilizar á oposición da exclusión do municipio do novo plan da Xunta de Galicia. García respondeu ás acusacións publicadas polo alcalde, Eloy Pérez, nas redes sociais e reclamoulle que “dea explicacións polo seu fracaso en lugar de buscar culpables entre quen levamos anos reclamando este servizo”.

García sinala que a información publicada este martes sobre o plan autonómico, que inclúe concellos como O Corgo, O Páramo, O Saviñao ou Folgoso do Courel, evidencia a falta de resultados da xestión do rexedor. “Somos o concello máis poboado da Ulloa e temos unha poboación moi envellecida. O alcalde prefire xustificar o seu partido e atacar a oposición antes que defender ante a Xunta as necesidades das súas veciñas e veciños”, sostén.

Fronte ao suposto bloqueo na compra dos terreos que utiliza como escusa o rexedor, o grupo socialista lembra que o Orzamento de 2026 está aprobado dende o 4 de agosto e prevé a adquisición dunha parcela para a residencia, así como a correspondente operación de crédito para financiala.

As e os socialistas lembran que, en agosto de 2022, Eloy Pérez -daquela tenente de alcalde e portavoz do PP- anunciou tras unha reunión coa conselleira de Política Social que conseguira o compromiso de financiamento para construír unha residencia de maiores. O boletín popular propoñía situala no edificio sociocultural Lorenzo Varela e anunciaba que contaría cunha sección para persoas con alzhéimer.

“Foi o propio alcalde quen presentou aquel compromiso á veciñanza. Catro anos despois, a residencia segue sen existir, cambiaron de localización e Monterroso nin sequera figura no novo plan autonómico. Esa é a realidade que intenta tapar coas súas acusacións”, denuncia o voceiro.

García lembra, ademais, que en outubro de 2025 o Pleno aprobou por unanimidade unha iniciativa socialista para instar á Xunta a construír a residencia. “Existe un acordo unánime para reclamar este servizo proposto polo PSdeG. O que falta é que o PP cumpra”, subliña.

O PSdeG cuestiona tamén que Pérez presente agora a reforma da Vivenda Comunitaria como exemplo do seu compromiso cos maiores, despois de desacreditar o servizo no boletín de 2022 e de que as instalacións acabasen pechadas. “Primeiro desprestixiaron o servizo e agora pretenden presentarse como os seus salvadores cunha reforma de medio millón de euros”, critica García.

O voceiro lembra que o grupo socialista defendeu iniciativas para dotar o centro de recursos e adaptalo como fogar residencial. “A veciñanza precisa servizos públicos que funcionen e compromisos que se cumpran. Non máis promesas do PP que quedan en papel mollado”, conclúe.

0.15922999382019