O PSOE asegura que Aurora Goás mantén paralizado o Foro de Igualdade tras catro meses de Goberno

O Grupo Municipal Socialista denunciou que o Goberno de Elena Candia mantén paralizado o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade máis de catro meses despois do cambio de Goberno, e criticou directamente a xestión da concelleira de Muller e Conciliación, Aurora Goás, que neste tempo non convocou nin unha soa reunión do órgano nin reconfigurou a súa composición tras o falecemento da súa presidenta, Olga López Racamonde.
“Aurora Goás herdou un Foro activo, con propostas, acordos e traballo en marcha, e máis de catro meses despois segue sen convocalo. Mentres tanto, vemos á responsable da área facerse fotos con iniciativas que deixaron encamiñadas as propias entidades”, afirmou a concelleira socialista e anterior responsable da área de Muller e Igualdade, Ángeles Novo.
Novo advertiu de que a falta de actividade chega ata o punto de que o Goberno municipal nin sequera procedeu a reconfigurar a composición do Foro tras o falecemento de Olga López Racamonde, que exercía a súa presidencia. “Non estamos falando dunha cuestión menor nin simplemente administrativa. Se realmente se lle dese a este órgano a importancia que merece, unha das primeiras actuacións tería sido garantir a súa continuidade e convocar ás entidades que forman parte del”, sinalou.
A edil socialista lembrou que o Foro non é un órgano protocolario, senón un espazo estable de participación no que están representadas asociacións, entidades sociais, sindicatos, colectivos profesionais e grupos políticos, e que permite incorporar as súas propostas á definición das políticas municipais de igualdade.
“Despois de máis de catro meses non coñecemos unha soa iniciativa para impulsar o Foro. Non houbo reunións, non se actualizou a súa composición e non sabemos que proxecto ten a responsable de Muller para un órgano que ata o cambio de Goberno estaba funcionando con normalidade”, incidiu Novo.
Para o Grupo Municipal Socialista, esta situación non pode analizarse de maneira illada, senón que se enmarca nunha parálise que tamén se está trasladando a outros espazos de participación cidadá do Concello. Novo advertiu de que “estamos vendo unha forma de gobernar na que órganos creados para escoitar á cidadanía e incorporar as súas propostas van perdendo actividade e protagonismo. E cando deixas de convocar os espazos de participación, deixas tamén de escoitar a quen forma parte deles”.
A socialista contrapuxo esta situación coa actividade desenvolvida durante a anterior etapa. Na última reunión do Foro, celebrada o 13 de febreiro, abordouse conxuntamente a programación do 8-M, acordouse a concesión do Premio Entre Mulleres a título póstumo a Paula Alvarellos, avanzouse na organización das concentracións contra a violencia machista e analizáronse diferentes propostas formuladas polas propias entidades.
“O Foro servía para algo. As entidades propoñían, debatían e participaban nas decisións. Ese é o modelo que recibiu Aurora Goás cando asumiu a área e o resultado, máis de catro meses despois, é que non o convocou nin unha soa vez”, explicou Novo.
Ángeles Novo referiuse tamén á recente visita de Aurora Goás ao monólito en lembranza das vítimas da violencia de xénero na Praza de Santo Domingo, cuxa nova localización foi presentada polo Goberno municipal como unha actuación nacida da escoita e da participación.
A concelleira socialista lembrou que esta actuación responde precisamente a unha petición formulada polas integrantes do propio Foro e que xa fora impulsada con anterioridade ao cambio de Goberno.
“Resulta difícil falar de escoita e participación cando Aurora Goás leva máis de catro meses sen sentarse coas entidades ás que agora atribúe esa participación. Alegrámonos de que se materialice unha iniciativa que naceu do Foro, pero facerse a foto co traballo que deixou encamiñado ese órgano non substitúe a obriga de mantelo vivo”, afirmou Novo.
Novo considerou que, transcorridos máis de catro meses, a responsable municipal debe explicar que pretende facer co Foro de Igualdade. “Xestionar unha área como Muller esixe algo máis que presenza institucional e fotografías. Esixe traballo, iniciativa e capacidade para manter vivos os espazos de participación. Aurora Goás recibiu un Foro funcionando e máis de catro meses despois segue sen convocalo. O que lle pedimos é que asuma a súa responsabilidade, respecte ás entidades que o integran e devolva a este órgano a actividade e a importancia que merece”, concluíu Ángeles Novo.