O PSOE de Antas propone a creación dun consello municipal para a cultura

LugoXa
Defenderán unha moción na vindeira sesión plenaria coa que promove “a creación dun órgano participativo para coordinar a programación".
cronica desamor travesti obra teatro
15 Sep 2021

Os socialistas de Antas de Ulla propoñen a creación dun consello municipal para mellorar a organización e coordinación de actividades e eventos culturais e de lecer que se celebran na vila. “Dende o Grupo Socialista entendemos que se pode mellorar a implicación do Concello con estes colectivos para facilitarlles o traballo e deseñar unha programación cultural anual participada por todos os colectivos así como os grupos políticos con representación no Pleno”.

Así o anunciou a  voceira Socialista de Antas de Ulla, Pilar García Porto, quen avanzou que defenderá unha moción na vindeira sesión plenaria coa que promove “a creación dun órgano participativo para coordinar a programación de todas as entidades e asociacións culturais, veciñais e deportivas de Antas de Ulla”. Porto remarcou que “gracias ao esforzo, a dedicación e a implicación destes colectivos da nosa vila, podemos presumir dun amplo elenco de actos e iniciativas das que podemos desfrutar toda a veciñanza. Algo co que debemos comprometernos, e poñer en valor cunha aposta decidida e reivindicar como sinal de identidade da nosa veciñanza”, puntualizou.

No Concello de Antas de Ulla e no que respecta ao eido cultural, “contamos cunha sociedade activa e participativa e cun amplo número de colectivos culturais entre os que dende hai anos destacan seis que se manteñen no tempo cunha programación de actividades e eventos continuados, e que ademáis son referentes dentro e fora deste concello. Son a Escola Banda de Música, a Asociación Cultural Fiadeira, o Grupo de Teatro da Biblioteca , o Clube de Lectores Rosalía de Castro, a Coral Polifónica Ecos do Ulla, Quercus Sonora”.

Ademais deste importante e destacado movemento asociativo de carácter cultural “tamén existen outras entidades que colaboran e participan na organización dos diferentes eventos como son a SD Antas de Ulla, a Asociación Deportiva Pena de Chaos, Asociación de Amas de Casa Antulla, e sen esquecer o gran traballo que realizan as diferentes comisión de festas das nosas parroquias, que ano tras ano manteñen viva a tradición da celebración das diferentes festas e romerías pola nosa vila”, explicou Porto.

“Dende o Grupo Municipal Socialista de Antas de Ulla non podemos esquecer a responsabilidade que os concellos teñen para velar polo patrimonio histórico-artístico e cultural nos seus territorios, do que sen lugar a dúbidas contamos en Antas de Ulla cunha extensa mostra. Por iso, dende o ano 2010 vimos amosando a través de diferentes iniciativas presentadas no Pleno, ata en catro ocasións, solicitando que se mellore a implicación do Concello na oferta formativa e tamén no aspecto lúdico”, sinalou a Voceira.

PARTICIPACIÓN

Por todo isto propoñemos ao Pleno do Concello “a creación deste órgano consultivo e participativo para liderar e asesorar ao Goberno Municipal na planificación das programacións das asociacións e entidades que manteñen viva a programación cultural e a celebración de eventos referentes para a nosa veciñanza e alén do noso territorio”.

0.17116498947144