O PSOE de Baleira reclama información clara sobre os cambios previstos no Camiño Primitivo

O PSdeG de Baleira esixiu ao Goberno local do Partido Popular que informe de maneira clara, directa e accesible á veciñanza sobre os cambios previstos no trazado do Camiño Primitivo ao seu paso polo municipio, especialmente nos treitos da Lastra e da Fontaneira, onde o proxecto podería ter incidencia sobre terreos particulares e vivendas.
O voceiro socialista no Concello, José Tellado, avanzou que formulará esta cuestión no Pleno extraordinario que se celebrará mañá, despois de que o pasado 16 de xuño o Diario Oficial de Galicia publicase o anuncio relativo ao proxecto de trazado e construción de treitos comúns do Camiño Primitivo.
Tellado lembrou que esta publicación abriu un período de información pública cun prazo de 30 días hábiles para que as persoas afectadas ou interesadas poidan consultar a documentación e presentar alegacións. Neste sentido, criticou que a difusión da información sexa insuficiente. Segundo indicou, considera que non é suficiente coa publicación dun anuncio na páxina web municipal e sostén que o alcalde debe explicar á veciñanza que procedemento está en marcha, os prazos existentes e as posibles consecuencias para as propiedades afectadas.
Desde o PSdeG sinalan que a actuación prevista afecta a zonas nas que o Camiño Primitivo coincide ou discorre nas proximidades da estrada LU-530. Segundo recolle a documentación publicada, o proxecto podería supoñer afeccións sobre terreos particulares mediante a ocupación parcial de fincas, a creación de servidumes ou a adaptación de peches, marxes e outros elementos necesarios para acondicionar a senda peonil.
O voceiro socialista asegura que diferentes veciños trasladaron ao partido a súa preocupación pola escasa información existente e pola incerteza arredor do alcance real destas modificacións. Segundo explicou, trátase dun asunto que pode afectar directamente a fincas, peches ou accesos ás vivendas, polo que considera necesario ofrecer explicacións, resolver dúbidas e facilitar que as persoas afectadas poidan exercer os seus dereitos dentro dos prazos establecidos.
Por este motivo, o PSdeG reclamará no Pleno que o alcalde aclare cando tivo coñecemento deste proxecto, que información concreta foi trasladada á veciñanza, que propiedades do municipio poderían verse afectadas e que medidas pensa adoptar para garantir que todas as persoas interesadas poidan consultar a documentación e presentar alegacións.
Tellado concluíu que a veciñanza de Baleira merece transparencia, información clara e acompañamento por parte do Concello nun asunto que pode ter un impacto directo sobre propiedades e vivendas, e advertiu de que esta situación non pode tratarse como un simple trámite administrativo.