O PSOE de Baralla acusa ao alcalde de responsabilizar ao Catastro pola suba do IBI e os atrasos fiscais

LugoXa
Os socialistas cuestionan a xestión do Goberno local e reclaman a cobertura dos tres médicos de familia e o regreso da atención presencial de Extensión Agraria
jaime gonzalez-candidato psoe-baralla
26 Sep 2026

O Grupo Municipal Socialista de Baralla critica a actuación do Goberno local tras o pleno e acusa ao alcalde de utilizar o Catastro como escusa para xustificar a decisión de cobrar á veciñanza atrasos do IBI correspondentes a varios exercicios. O voceiro socialista, Jaime González del Río, cualifica a sesión de "monumento á mentira, á manipulación e á falta de xestión" e sostén que o Concello está a trasladar aos veciños as consecuencias das súas propias decisións.

Segundo denuncia González del Río, o Catastro non determina cantos anos de atrasos deben reclamarse, polo que considera que corresponde ao Concello adoptar esa decisión. "O alcalde mentiu descaradamente aos asistentes ao pleno. Sabe perfectamente que o Catastro non obriga a cobrar eses atrasos", afirma o voceiro, que acusa ao rexedor de querer "espremer economicamente aos veciños".

Os socialistas tamén cuestionan o procedemento seguido durante o debate da modificación da ordenanza fiscal. Segundo explican, o alcalde modificou durante o propio pleno a porcentaxe inicialmente prevista, pasando verbalmente do 50% ao 75%, sen presentar un estudo económico que xustificase o cambio. A formación sinala ademais que a proposta contou cun informe contrario da secretaria-interventora, que advertía da situación económica do Concello.

Desde o PSOE consideran que o rexedor recoñeceu durante a sesión que a modificación respondía a unha decisión persoal, ao explicar que cambiara a porcentaxe porque "o pensou e decidiu que había que facelo". Para González del Río, isto evidencia, ao seu xuízo, unha falta de planificación por parte do Goberno local. "O PP improvisa todo porque non traballa nin prepara nada", afirma.

O voceiro socialista tamén critica o estado de conservación das farolas de fundición e a resposta do Goberno local ás reclamacións pola súa oxidación e falta de mantemento. Segundo relata, ante as críticas formuladas no pleno, o alcalde e os concelleiros responderon que xa correspondía cambialas. "Non as manteñen, deixan que se deterioren e despois rin no pleno dicindo que xa se comprarán outras", censura González del Río.

Reclaman tres médicos e recuperar Extensión Agraria

Por outra banda, o pleno aprobou dúas mocións presentadas polo PSOE para reclamar á Xunta e ao Sergas a cobertura efectiva e continuada das tres prazas de medicina de familia do centro de saúde e para recuperar a atención presencial de Extensión Agraria en Baralla.

A segunda proposta contempla habilitar un despacho na Casa do Concello e solicitar á Consellería do Medio Rural que un técnico se desprace a Baralla un ou dous días á semana. O obxectivo, segundo os socialistas, é evitar que a veciñanza teña que desprazarse ata Becerreá para realizar estas xestións.

González del Río reclama agora que os acordos aprobados se leven á práctica. "Votar a favor diante dos veciños non chega se despois non fai nada", sinala, ao tempo que anuncia que o grupo socialista comprobará se o alcalde reclama ao seu propio partido a cobertura dos médicos e traballa para recuperar o servizo de atención agraria.

Finalmente, o voceiro socialista rexeita tamén o discurso do Goberno local sobre as dificultades da mocidade para acceder ao emprego. González del Río considera que non se pode presentar a situación actual como "o peor da historia" e relaciona a marcha dos mozos de Baralla coa falta de oportunidades que, segundo denuncia, existe no municipio.

0.20303416252136