O PSOE de Baralla denuncia a "adulteración" do censo electoral

LugoXa
O PSdeG de Baralla denuncia o fraude electoral que se pode agochar detrás da explosión demográfica que acaba de rexistrar este concello
jaime gonzalez candidato psoe baralla
jaime gonzalez candidato psoe baralla
11 Maio 2023

Afirman que o concello lugués rexistrou un aumento repentino de 104 habitantes no último ano, a pesar de que leva perdendo poboación dende que hai datos, cun saldo vexetativo negativo de -49 persoas de media ao ano na última década.

O PSdeG de Baralla denuncia o "fraude electoral que se pode agochar detrás da sorprendente explosión demográfica que acaba de rexistrar este concello da comarca dos Ancares, que vén de aumentar o seu censo en 104 persoas no último ano, cando levan perdendo habitantes dende que hai estatísticas oficiais".

Os datos demográficos figuran na reclamación que portavoz municipal dos socialistas, Jaime González del Río, fixo ante o Instituto Nacional de Estatística (INE) polo atípico incremento do censo electoral. No escrito, sinala que Baralla leva perdendo poboación de forma constante dende hai décadas, pasando dos 3.488 habitantes que tiña en 1996 aos 2.436 do ano 2022.

É máis, o crecemento vexetativo (a diferencia entre nacementos e defuncións) deste municipio leva sendo negativo tamén dende que hai rexistros. Na última década, este crecemento natural foi dun promedio de –49 veciños cada ano. “É moi sorprendente que cando se estiveron perderon medio cento de veciños e veciñas ano tras ano, xusto agora que toca celebrar eleccións aumente repentinamente a poboación en 104 persoas”, apuntou Jaime González, que entende que tras esta explosión demográfico pode agocharse o que pode ser un “pucheirazo electoral desesperado” para que o PP poida revalidar o poder local.

A formación política anuncia que fixeron unha reclamación para coñecer o censo e poder estudar as posibles irregularidades á hora de inscribir persoas no concello para poder votar ao PP coa intención de manter a alcaldía e teñan votos que lles favoreza para alcanzar o goberno da Deputación de Lugo.

A agrupación local tamén quere destacar o dato das últimas eleccións, onde esa perda poboacional deu unha sorprendente pausa, só perdendo 10 habitantes nun ano ao pasar de 2.566 no 2018, a 2.556 no 2019, para logo volver a recuperar o ritmo de despoboamento habitual no censo do ano seguinte.

O voceiro do PSdeG no municipio, Jaime González, asegurou que “os datos falan por si mesmos” e que isto “é unha mostra máis das múltiples irregularidades que suceden neste concello”. Criticou que se estas mesmas accións se deran nun concello grande, atraería o foco mediático e a intervención das institucións estatais.

0.19142007827759