O PSOE de Baralla levará ao pleno tres mocións sobre o IBI, a atención sanitaria e os trámites da Cámara Agraria

O PSOE de Baralla levará ao próximo pleno municipal tres mocións centradas na fiscalidade, a atención sanitaria e os servizos para os veciños do municipio.
A primeira das propostas solicita a bonificación do IBI para fincas e inmobles situados no rural, así como para inmobles destinados a negocios e industrias que xeren emprego. Os socialistas consideran que esta medida pode contribuír a frear o incremento da carga fiscal sobre as propiedades.
O PSOE sinala ademais que esta bonificación non debería substituír outras actuacións, como solicitar ao Catastro unha revisión dos usos dos terreos ou, se fose necesario, iniciar a vía xudicial. Segundo defende a formación, unha bonificación correctamente aplicada permitiría paliar o impacto do IBI e evitar que a partir de agora aumente de forma excesiva o importe que deben asumir os propietarios.
A segunda moción reclama a incorporación dun terceiro médico a Baralla. O PSOE sostén que ao municipio lle corresponden tres facultativos segundo a normativa do Sergas e considera necesario contar con este profesional para reforzar a atención sanitaria no concello.
A terceira proposta pide que un equipo da Cámara Agraria se desprace a Baralla durante un ou dous días para realizar diferentes trámites aos veciños, co obxectivo de facilitar o acceso a estas xestións sen necesidade de desprazarse fóra do municipio.
O PSOE anima os veciños a acudir ao pleno para coñecer e apoiar estas propostas e defende que se trata de cuestións que afectan directamente á economía das familias, á atención sanitaria e ás facilidades para desenvolver actividades e negocios no concello.
Na súa comunicación, os socialistas tamén critican a xestión do Goberno local e cuestionan as políticas fiscais do PP, ao que acusan de incrementar a presión impositiva sobre os veciños mentres, segundo sinalan, mantén unha "xestión nefasta".