O PSOE de Lugo acusa a Candia de comprometer catro millóns dos aforros municipais e cuestiona a súa xestión económica

A concelleira socialista Ana González Abelleira acusa o executivo de Elena Candia de xustificar posibles incumprimentos cun suposto desequilibrio financeiro que, segundo sostén, non se corresponde cos datos oficiais. "Candia ten máis promesas ca recursos para cumprilas", afirmou, ao tempo que lle reclama explicacións sobre os compromisos de gasto adquiridos desde a súa chegada ao goberno.
A edil defende que a documentación económica de 2025 avala a solvencia das contas que deixou o anterior executivo. Segundo os datos que manexa o Grupo Municipal Socialista, o Concello pechou o exercicio cun resultado orzamentario axustado positivo de 14,5 millóns de euros, un remanente de tesourería de 17,4 millóns —23,3 millóns tras os axustes correspondentes— e unha liquidez bancaria de 19,8 millóns. Ademais, asegura que se cumprían os obxectivos de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto.
"Non recibiron un Concello en ruína", insistiu González Abelleira, que acusa o PP de atribuír os problemas á herdanza recibida en lugar de explicar as súas propias decisións. A socialista considera que os informes técnicos e as cifras da liquidación orzamentaria deben servir de referencia para avaliar a situación municipal.
Un dos principais motivos de preocupación para o PSOE é o destino dos remanentes. A formación calcula que o actual Goberno comprometeu preto de catro millóns de euros en poucos meses para distintos gastos relacionados coa imaxe institucional, a propaganda, as festas e outros compromisos. González Abelleira cuestiona que estas decisións estean acompañadas dunha planificación financeira suficiente.
A concelleira tamén pon o foco na evolución da débeda. As previsións recollidas polo grupo socialista sitúan a débeda viva por riba dos 42 millóns de euros en 2027. Ao mesmo tempo, os gastos financeiros anuais poderían aumentar desde os 491.000 euros ata superar os 1,7 millóns cando rematen os períodos de carencia dos créditos, o que suporía un incremento do 247,43 %.
Ante estas estimacións, a edil reclama ao executivo local información detallada sobre o impacto que terá a débeda nas contas dos próximos anos e sobre a dispoñibilidade de recursos para manter os servizos públicos e atender as necesidades dos barrios.
Dúbidas sobre as bonificacións fiscais e os pagos pendentes
Outro dos aspectos cuestionados polos socialistas é o anuncio de bonificacións no imposto sobre bens inmobles (IBI), no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) e no imposto sobre actividades económicas (IAE). González Abelleira considera que o Goberno debe aclarar como compensará os ingresos que o Concello deixará de percibir. Ademais, cifra en arredor de 600.000 euros anuais o impacto estimado da exención do IBI á Xunta de Galicia, segundo a información recollida polo seu grupo.
"Non se pode prometer baixar impostos, aumentar o gasto e, ao mesmo tempo, dicir que faltan recursos sen explicar de onde van saír os cartos", sostén a concelleira, que pide rigor á hora de presentar medidas fiscais e compromisos económicos.
O PSOE alerta igualmente de que a Conta Xeral recolle 5,69 millóns de euros en gastos pendentes de aplicar ao orzamento. A esta cantidade engádense, segundo a edil, atrasos na tramitación de contratos de servizos básicos. Para González Abelleira, é necesario resolver estas cuestións para garantir a seguridade orzamentaria e evitar que as demoras nos pagos prexudiquen as empresas que traballan para a Administración local.
A socialista acusa o Goberno municipal de utilizar a falta de recursos como argumento para atrasar o abono de facturas correspondentes á etapa anterior. "O que pretende é atrasar os pagos aos provedores para cumprir os seus obxectivos electoralistas", afirmou.
As críticas esténdense tamén ás políticas de persoal. González Abelleira lembra que a carreira profesional horizontal e as modificacións da Relación de Postos de Traballo requiren financiamento, negociación e garantías xurídicas. Por iso, reclama que os anuncios neste ámbito estean respaldados polos recursos necesarios e non xeren expectativas que despois non se poidan cumprir.
O Grupo Municipal Socialista pide ao Goberno local que publique información actualizada sobre os remanentes dispoñibles, o custo das bonificacións fiscais, a financiación dos compromisos co persoal, as facturas pendentes e o calendario de licitación dos contratos esenciais.
González Abelleira considera que o executivo debe ofrecer explicacións sobre as súas prioridades económicas e asumir a responsabilidade das decisións adoptadas. "Os cartos públicos non son do PP nin de ningún goberno: son de todos os lucenses", concluíu.