O PSOE de Lugo acusa á Xunta de inacción ante a proliferación de xabarís e alerta dos danos en espazos públicos

LugoXa
Ana González Abelleira reclama medidas urxentes para controlar a fauna salvaxe e critica o silencio do Goberno local ante o aumento da preocupación veciñal
xabaril-tecor-terra-cha
17 Jun 2026

A portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, acusou á Xunta de Galicia de manter unha "deixación de funcións evidente e continuada" na xestión da fauna salvaxe, denunciando a falta de medidas eficaces para frear a presenza de xabarís na cidade.

A representante socialista asegurou que a situación está xerando unha crecente preocupación entre a cidadanía e advertiu de que estes animais continúan movéndose por diferentes puntos do municipio sen que se adopten actuacións para controlar a súa presenza.

Segundo explicou González Abelleira, só durante esta semana e nas últimas horas rexistráronse danos valorados en miles de euros en instalacións municipais. Entre os desperfectos mencionou os estragos ocasionados no sistema de rega instalado recentemente no corredor verde da Avenida de Madrid, aos que se suman os danos detectados durante a pasada madrugada no Parque Rosalía de Castro.

A portavoz socialista tamén puxo o foco sobre o Goberno local encabezado por Elena Candia, ao que acusou de manter unha actitude "cómplice e subordinada" fronte á falta de actuación da Consellería de Medio Rural.

"Tan preocupante como a inacción da Xunta é o silencio do Goberno municipal. Non comprendemos que Elena Candia non reclame solucións mentres os danos continúan acumulándose, os xabarís percorren a cidade con total normalidade e a inquietude veciñal aumenta cada día. A súa responsabilidade pasa por defender os intereses da cidadanía e esixir respostas inmediatas á administración competente, non actuar como unha prolongación do Executivo autonómico", afirmou.

González Abelleira reclamou ademais unha maior transparencia por parte do Executivo local para informar á cidadanía sobre o alcance real desta problemática e os danos que está ocasionando en infraestruturas municipais.

"O peor que pode facerse é ocultar a situación e intentar facer ver como normal unha realidade que xa resulta insostible. Lugo necesita un Goberno que esixa solucións e non que xustifique a pasividade da Xunta", sinalou.

A edil socialista lembrou ademais que se trata de instalacións públicas financiadas con recursos municipais que están sufrindo danos reiterados. "Xa non falamos dunha situación puntual, senón dun problema estrutural que require medidas inmediatas", asegurou.

A portavoz tamén recordou que o anterior Goberno local xa trasladara formalmente no mes de novembro de 2025 a necesidade de adoptar medidas para facer fronte ao incremento da presenza de xabarís no municipio.

"Desde aquela non se realizou ningunha actuación efectiva. A mellor mostra disto é que estes animais continúan desprazándose con total normalidade por distintos puntos da cidade, incluído o centro histórico, sen que a administración competente impulse solucións eficaces", criticou.

Ademais, González Abelleira advertiu de que esta situación vai máis alá dos danos materiais e pode afectar directamente á seguridade cidadá.

"O xabaril constitúe unha das principais causas de falecementos indirectos nas estradas galegas debido aos accidentes de tráfico nos que está implicado. Estamos diante dun risco real para a seguridade das persoas e non dun problema menor que poida seguir sendo ignorado", indicou.

Neste contexto, reclamou á Xunta un reforzo inmediato das medidas de control da poboación de xabarís e unha maior implicación na loita contra outras ameazas ambientais, como a vespa velutina.

"O abandono destes problemas ten consecuencias directas sobre a economía, a imaxe da cidade e, sobre todo, sobre a seguridade cidadá. A Xunta non pode continuar mirando cara outro lado mentres os danos aumentan e a preocupación social segue medrando", concluíu.

0.13164901733398