O PSOE de Lugo acusa o Goberno local de facer un uso partidista da promoción turística

LugoXa
Os socialistas cuestionan que a nova tarxeta para divulgar os atractivos da cidade non fose validada polos técnicos municipais de Turismo
Ana-González-PSOE-Lugo
21 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista de Lugo cuestionou a nova tarxeta de promoción turística presentada polo Goberno local e denunciou que o material non contou, segundo asegura, coa supervisión nin coa validación dos servizos técnicos municipais de Turismo.

A portavoz adxunta socialista, Ana González Abelleira, sostén que esta iniciativa xa fora elaborada previamente polo Partido Popular e posteriormente se incorporou á actividade promocional do Concello. A edil considera que unha ferramenta institucional destas características debería contar coa participación dos profesionais encargados da planificación turística da cidade.

"Non estamos cuestionando que Lugo se promocione. O que cuestionamos é que se utilice a institución para presentar como propia unha iniciativa que non foi elaborada polos técnicos municipais de Turismo nin responde a unha estratexia turística definida polos servizos municipais", afirmou González Abelleira. Ademais, asegurou que ata poucas horas antes o código QR incluído no material enlazaba coa páxina web do PP.

Desde o PSOE reclaman que a promoción da cidade se desenvolva atendendo a criterios profesionais e técnicos e non a partir de materiais vinculados previamente cunha formación política. González Abelleira defendeu que Lugo conta con persoal especializado e cunha estratexia turística que, ao seu xuízo, debería servir de referencia para este tipo de actuacións.

A concelleira tamén criticou a presenza da alcaldesa como imaxe destacada da iniciativa. Fronte a esta elección, os socialistas consideran que a promoción debería centrarse principalmente nos recursos que identifican Lugo como destino, entre eles a Muralla, o patrimonio romano, o Arde Lucus, o Camiño Primitivo, a gastronomía, a cultura e os espazos naturais.

González Abelleira considera que é necesario diferenciar a comunicación política da institucional e reclama que a utilización da marca e da imaxe do Concello responda a criterios de neutralidade e aos intereses xerais da cidade.

Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista pide explicacións ao Goberno local sobre a autoría da tarxeta, os criterios empregados para o seu deseño, os motivos polos que, segundo denuncia, non participaron os técnicos municipais e o procedemento seguido para incorporala como ferramenta oficial de promoción turística.

"Lugo merece unha promoción turística profesional, planificada e avalada polos seus técnicos. O Concello debe estar ao servizo da cidade, non ao servizo da promoción política do Goberno de quenda", concluíu González Abelleira.

0.12162518501282