O PSOE de Lugo alerta da falta de dirección técnica no Arde Lucus no seu 25 aniversario

O concelleiro socialista Jorge Bustos expresou a súa preocupación pola ausencia dunha dirección técnica municipal claramente identificada na organización do Arde Lucus, unha situación que cualifica de especialmente preocupante ao tratarse do 25 aniversario dunha festa declarada de Interese Turístico Internacional.
Bustos advertiu de que nos últimos meses se celebraron reunións co tecido asociativo da festa nas que, segundo trasladan as propias asociacións, non participaron os técnicos municipais responsables do Arde Lucus, algo que considera un “erro difícil de entender”. Na súa opinión, nunha edición tan sinalada, o lóxico sería reforzar o papel dos profesionais con maior experiencia na organización e contar tamén co asesoramento dos servizos municipais especializados, incluído o departamento de Arqueoloxía, para garantir o rigor histórico.
O edil socialista lembrou que antes da moción de censura existía xa unha folla de ruta para mellorar e consolidar o crecemento do Arde Lucus. Entre as iniciativas previstas figuraban a nova localización do Macellum na Praza Maior, a creación dun campamento romano con espazos dedicados aos oficios e á recreación histórica e a posta en valor da entrada á Castra cunha identidade propia.
Ese plan tamén incluía unha reorganización dos espazos, de maneira que os campamentos castrexos se fosen agrupando progresivamente na Castra e os romanos se distribuísen polo interior da muralla, co obxectivo de reforzar a coherencia temática da festa.
Ademais, estaba pechado un concerto exclusivo de Abraham Cupeiro na Torre Barroca da Catedral, xunto cun proceso de diálogo coas asociacións para avanzar na autenticidade histórica do evento.
Bustos afirma que moitas destas iniciativas quedaron interrompidas tras a moción de censura cando xa estaban encamiñadas e listas para ser presentadas, e sostén que Lugo perdeu a oportunidade de coñecer un proxecto ambicioso orientado a facer medrar o Arde Lucus desde o respecto á súa esencia.
En relación co financiamento das asociacións, o concelleiro explicou que a revisión do sistema de achegas responde a informes dos servizos municipais, que advertían da necesidade de adaptar o modelo aos mecanismos de subvención. Neste contexto, para o 25 aniversario incrementouse a partida ata os 180.000 euros e establecéronse sistemas de xustificación para garantir seguridade xurídica e transparencia no uso dos fondos públicos.
Bustos recoñeceu que esta modificación xerou discrepancias iniciais con algunhas asociacións, aínda que destacou que o diálogo permitiu alcanzar acordos para que a práctica totalidade dos gastos puidesen ser xustificados correctamente. Defendeu que o obxectivo era construír un modelo máis estable e con garantías de futuro para o Arde Lucus e para as entidades que o fan posible.
Por último, trasladou unha mensaxe de confianza á cidadanía lucense e chamou a participar masivamente na edición do 25 aniversario, asegurando que o Arde Lucus pertence a toda a cidade e que debe ser unha celebración colectiva da súa historia e cultura.