O PSOE de Lugo defende a xestión económica do anterior goberno e pide manter a estabilidade financeira

LugoXa
Ana González Abelleira destaca o superávit de 14,5 millóns e reclama ao actual executivo responsabilidade na continuidade da política económica
Ana-Abelleira-Lara-Méndez-Besteiro-O-Vello-Cárcere
1 Jun 2026

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, puxo en valor a xestión económica desenvolvida polo anterior goberno municipal, unha etapa que, segundo defendeu, permitiu consolidar unhas contas públicas saneadas, ampliar a calidade dos servizos á cidadanía e deixar unha situación financeira sólida que ofrece á cidade marxe para seguir avanzando.

González Abelleira destacou que os datos oficiais da liquidación do exercicio 2025 desmontan, ao seu xuízo, calquera intento de cuestionar o rigor da xestión realizada polos socialistas. “Os números falan por si sós. O Concello de Lugo pechou o exercicio cun superávit real de 14,5 millóns de euros e cun remanente de tesourería para gastos xerais de 23,3 millóns. Esa é a mellor demostración de que se gobernou con responsabilidade, planificación e visión de futuro”, sinalou.

A concelleira lembrou ademais que durante o pasado exercicio a Intervención municipal emitiu un total de 1.988 informes, dos cales 1.881, o 94,6%, non incluíron ningún reparo. “Estamos ante un nivel de control e de cumprimento extraordinariamente elevado que acredita o bo funcionamento da administración municipal e o rigor coa que se xestionaron os recursos públicos”, afirmou, engadindo que a maior parte do 5% restante corresponde a gastos de subministracións e situacións sobrevidas.

“Gobernar é asumir responsabilidades e tomar decisións. O anterior goberno utilizou sempre os instrumentos legais dispoñibles para asegurar que os servizos seguían funcionando, que os traballadores cobraban polo seu labor e que as empresas provedoras recibían os pagos correspondentes”, proseguiu.

A portavoz adxunta socialista subliñou tamén que o informe de Intervención correspondente ao exercicio 2025 non detectou ningunha anomalía en materia de ingresos, un dato que, ao seu entender, evidencia a fortaleza dos procedementos de control económico desenvolvidos polo anterior executivo. “A transparencia, a legalidade e a eficiencia foron sempre os piares da nosa acción de goberno. O resultado é un Concello solvente, con estabilidade financeira e preparado para afrontar novos retos”, asegurou.

Por este motivo, fixo un chamamento ao actual goberno municipal para que preserve a senda marcada nos últimos anos e non poña en risco o equilibrio económico acadado. “A señora Candia recibe un Concello cunha situación financeira privilexiada grazas ao traballo realizado durante os mandatos socialistas. O que agardamos agora é que actúe con responsabilidade e que tome como referencia esa xestión eficiente para seguir impulsando o progreso da cidade”, manifestou, reclamando que o superávit se destine a desenvolver o proxecto de cidade recollido nos orzamentos en vigor.

A edil advertiu de que Lugo non pode permitirse retrocesos nin decisións que comprometan a estabilidade económica municipal, e defendeu que a boa saúde financeira non é froito da casualidade, senón dun modelo de xestión baseado no control do gasto e na combinación de investimentos e servizos públicos de calidade.

Finalmente, González Abelleira reafirmou o compromiso do Grupo Municipal Socialista coa fiscalización da acción do goberno local para garantir que o Concello continúe avanzando e que os recursos públicos se xestionen con responsabilidade e eficacia.

0.11974716186523