O PSOE de Lugo destaca un remanente de máis de 23 millóns e reclama ao Goberno local incorporar os fondos ao orzamento

LugoXa
Miguel Fernández defende que as contas municipais de 2025 reflicten “un modelo de xestión rigoroso” e pide priorizar investimentos nos barrios, o emprego e os servizos públicos
PSOE-municipal-de-Lugo-2026
20 May 2026

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Lugo puxo en valor os datos da liquidación orzamentaria do exercicio 2025 tras a firma do Decreto de Alcaldía número 4024/2026, emitido o pasado 15 de maio, e asegurou que o informe do Servizo de Intervención Xeral confirma a existencia dunhas contas municipais “saneadas, transparentes e cunha elevada capacidade de financiamento”.

O voceiro socialista, Miguel Fernández, asegurou que os datos económicos “desmontan as mensaxes alarmistas da oposición” e defendeu que o Concello conta cun superávit que permite dispoñer de máis de 23 millóns de euros para investimentos e actuacións municipais.

Segundo recolle o informe técnico, o Remanente de Tesourería para Gastos Xerais sitúase en 23.338.867,96 euros, unha contía que o PSOE considera plenamente dispoñible para a súa incorporación ao orzamento corrente. Fernández reclamou ao actual Goberno local que tramite “de maneira urxente” esa incorporación para evitar atrasos na execución de proxectos e medidas sociais.

“O que toca agora é actuar. Lugo non pode permitirse perder máis tempo entre propaganda, confrontación e titulares baleiros”, sinalou o portavoz socialista, quen insistiu en que estes recursos deben destinarse aos barrios e parroquias, ao reforzo do emprego, ao mantemento do escudo social municipal e á modernización da cidade.

O responsable socialista sostivo tamén que a estabilidade económica do Concello queda reflectida no Resultado Orzamentario Axustado, que alcanza os 14.526.655,70 euros de superávit. Ademais, destacou que durante o exercicio 2025 se xestionaron créditos definitivos por valor de 148.827.571,63 euros, dos que se recoñeceron obrigas netas por importe de 115.982.581,33 euros.

Desde o grupo municipal sinalaron que estarán “vixiantes” para garantir a correcta aplicación dos remanentes e a continuidade dos proxectos previstos nos orzamentos aprobados anteriormente. Entre as prioridades mencionadas figura a protección dos grandes proxectos vinculados a financiamento europeo e convenios, como o futuro Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando.

Tamén apostan por reforzar os servizos públicos e os plans municipais relacionados coa igualdade e a normalización lingüística, así como por asegurar o pagamento e a execución dos compromisos económicos xa adquiridos co tecido empresarial, cun volume que cifran en 11,54 millóns de euros.

0.11793184280396